Dicearco de Messina

Dicearco de Messina

Filósofo, xeógrafo e historiador grego. Formouse en Atenas, no Liceo de Aristóteles, onde se relacionou con Teofrasto e estudiou temas vinculados coa moralidade. Membro da escola peripatética, dentro da súa concepción filosófica a alma é o resultado da harmoniosa organización do corpo, así como a política o é da síntese harmónica de democracia, aristocracia e monarquía. Destacou como xeógrafo e cartógrafo; elaborou o primeiro método xeométrico para determinar a medida da circunferencia da Terra, que estableceu en 54.000 km. Posteriormente, cando deseñou un planisferio no que representaba o mundo coñecido polos gregos da época, rectificou os seus cálculos e determinou a circunferencia en 39.600 km. Unha das achegas máis transcendentais da súa cartografía foi a xeoreferenciación segundo un eixe de coordenadas; no seu planisferio trazou dúas liñas, unha horizontal que levou dende o estreito de Xibraltar ata o Cáucaso polo Peloponeso e Anatolia, e unha vertical perpendicular a aquela que pasaba por Asuán (entre Exipto e Sudán), de xeito que calquera punto do plano se podía localizar en función da distancia a ambas as dúas liñas que se medía en estadios. Alexandre o Grande empregou a información que lle proporcionaban os mapas de Dicearco nas súas campañas. Algunhas das súas obras son Bίος Ἐ (Vida de Grecia), T ή ς περίοδος (Itinerarios) e Πολιτεία Σπαρτιάτων (Constitución dos espartanos).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Messina, Sicilia

  • Deceso