Dickens, Charles John Huffam

Dickens, Charles John Huffam

Escritor inglés. Fillo dun funcionario da Mariña, en 1824 encarceraron o seu pai por débedas e el tivo que abandonar a escola e traballar nunha fábrica de betume durante seis meses, experiencia traumática que recreou máis adiante na súa obra. Cursou estudios na Wellington House Academy e posteriormente traballou como pasante nun despacho de avogados. Desde 1830 colaborou en xornais e revistas como The Monthly Magazine ou Morning Herald) e desde 1833 como cronista parlamentario no The Morning Chronicle. En 1837, a redacción dos epígrafes dunha serie de debuxos para os editores Champman e Hall -xermolo de The Posthumous Papers of the Pickwick Club (Os documentos póstumos do Club Pickwick) - convertérono nun autor de éxito. Desde entón, compaxinou a publicación das súas obras por entregas con conferencias e coa organización de espectáculos teatrais nos que interveu ocasionalmente como actor. Fundador do diario Daily News, dirixiu así mesmo o semanario Household Words. Foi un dos principais representantes do realismo inglés e cultivador de diversos xéneros (o conto de fantasmas, a narración policial, humorística ou a sátira de costumes). O tema por excelencia da súa obra é a recreación da nova sociedade industrial cunha minuciosa análise das motivacións psicolóxicas e sociais da burguesía emerxente, así como a denuncia da explotación económica do proletariado e os seus efectos nas relacións humanas. Da súa produción destacan Sketches by Boz (Bosquexos por Boz, 1836), The Adventures of Oliver Twist (As aventuras de Oliver Twist, 1837-1839), Nicholas Nickleby (1838-1839), Barnaby Rudge (1841), American Notes (Notas americanas, 1842), Martin Chuzzlewit (1843), Christmas Carol (Canción de Nadal, 1843), The Chimes (O carillón, 1845), Pictures from Italy (Imaxes de Italia, 1846), The Cricket of the Hearth (O grilo do fogar, 1846), Dombey and Son (Dombey e fillo, 1848), David Copperfield (1849-1950), Bleak House (Casa desolada, 1852-1853), Hard Times (Tempos difíciles, 1854), Little Dorrit (A pequena Dorrit, 1855-1857), A Tale of Two Cities (Historia de dúas cidades, 1859), e The Great Expectations (Grandes esperanzas, 1861).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Landport, Portsmouth

  • Deceso

    Lugar : Gadshill, Kent