Diderot, Denis

Diderot, Denis

Escritor, filósofo e enciclopedista francés. De familia pequeno burguesa, estudiou no colexio dos xesuítas da súa cidade natal onde foi tonsurado en 1726. Cara ao 1728 abandonou a carreira eclesiástica e marchou a París, onde obtivo o título de mestre en artes da Universidade en 1732. Entre 1733 e 1742 traballou en diferentes empregos, levou unha vida bohemia e entrou en contacto coa intelectualidade do seu tempo. A súa andaina intelectual comezou cunha serie de traducións de obras inglesas contemporáneas: Histoire de Grèce (Historia de Grecia, 1742), de Temple Stanyan; Ditionnaire de médecine (Dicionario de medicina, 1744) de Robert James, en colaboración con outros tradutores; e Essai sur le mérite et la vertu (Ensaio sobre o mérito e a virtude, 1745), de Shaftesbury. En 1747 o editor Le Breton encargoulle a tradución francesa da Cyclopaedia (1728) inglesa de Ephraim Chambers. Diderot, en colaboración co matemático Jean-Baptiste le Rond d’Alembert, converteu ese proxecto nunha obra de trinta e cinco volumes, Encyclopédie ou Ditionnaire raisonné des sciences, des arts et des métiers (Enciclopedia ou Dicionario razoado das ciencias, das artes e das materias), máis coñecida como Encyclopédie. Axudado por intelectuais como Voltaire, Montesquieu e Rousseau, empregou esta obra con fins educativos e divulgativos e como propaganda contra a autoridade eclesiástica, a superstición, o conservadurismo e a estrutura semifeudal da época. Esta postura de crítica ideolóxica tivo como consecuencia a oposición dos poderes civís e eclesiásticos. En 1759 o Conseil du Roi suprimiu formalmente os dez primeiros volumes (publicados a partir de 1751) e prohibiu a edición da obra. Aínda así, seguiron a traballar nos outros volumes, que se imprimiron en segredo. En 1765 completáronse os dezasete volumes de texto e en 1772 os once volumes de gravados. En 1765 vendeu a súa biblioteca a Catarina II de Rusia, feito que lle facilitou unha estancia na súa corte entre 1773 e 1774. No terreo da narrativa publicou Les bijoux indiscrets (As xoias indiscretas, 1748), reflexo da sociedade licenciosa e libertina do momento por medio dunha acción erótica tinxida de exotismo que agocha todo un tratado de filosofía, relixión, política e ciencia; Contes moraux et nouvelles idylles (Contos morais e novos idilios, 1773); Jacques le fataliste (Xacobe o fatalista, 1796), antinovela con diálogos que mesturan a reflexión filosófica e a narración; La religieuse (A relixiosa, 1796), novela de memorias baixo a fórmula da novela epistolar; e Le neveu de Rameau (O sobriño de Rameau, 1821), diálogo filosófico ou sátira. A súa contribución ao campo teatral foi transcendental, pois non só se pode considerar como un dos creadores do drama, un xénero intermedio entre a traxedia e a comedia habitado por personaxes de clase media, da burguesía, senón que fixo importantes achegas no terreo da teoría teatral. Como demostración do novo xénero dramático que propugnaba escribiu Le fils naturel (O fillo de solteira, 1757) e Le père de famille (O pai de familia, 1759), textos que van acompañados de dous interesantes tratados, Dorval et moi ou Entretiens sur le fils naturel (Conversacións sobre o fillo de solteira) e Discours sur la poésie dramatique (Discurso sobre a poesía dramática), que conteñen os principios teóricos dunha nova forma de entender a escrita dramática e a creación teatral como reacción á preceptiva neoclásica, como unha aposta por unha literatura cunha forte dimensión ética e moral e como instrumento para reflectir unha nova realidade sociocultural, económica e política. No campo da teoría teatral, realizou unha das achegas máis significativas no teatro contemporáneo. O seu tratado Paradoxe sur le comédien (O paradoxo do actor), escrito en 1773 e publicado en 1830, constitúe unha das primeiras formulacións dunha teoría científica da interpretación, que desenvolveu plenamente o director ruso Konstantin Stanislavski a partir da escena naturalista e da explosión do positivismo. A finais do s XVIII a interpretación constituía un ámbito específico de reflexión e debate. Diderot xa tiña mostrado, en dous dos capítulos da obra Les bijoux indiscrets, o seu desacordo fronte ás esaxeracións dos actores, á extravagancia dos xestos, ou ás múltiples disonancias que ateigaban os espectáculos franceses da época, reivindicando o principio de verosimilitude que reclamaron anos despois como seu as diferentes correntes realistas. Mais Les bijoux indiscrets contén moito máis ca unha defensa das calidades básicas que todo actor ou actriz debe posuír (estudio, coñecemento, memoria, traballo ou experiencia) ou de actitudes tan sumamente importantes como a observación (exterior e interior) e a reflexión sobre a propia práctica; supón unha defensa da técnica actoral fronte á inspiración e ao furor creativo. A obra contén o xermolo de toda unha teoría teatral na que amais de destacar a función instrumental do teatro e a súa dimensión educativa, xa se intúe a necesidade de distinguir entre comunicación dramática e comunicación teatral, de analizar e diferenciar, malia a manifesta interrelación, entre o que é interpretación (actor/personaxe), o que é actuación (actor/personaxe vs personaxe/actor) e o que é representación, estadio onde hai que considerar o papel do público e do espazo onde ten lugar o acto teatral, como variables que inflúen nos tres procesos citados. Tamén lle prestou especial atención á convención teatral, na medida en que determina aquilo que chamamos verdade. Concédelle á escena a posibilidade de crear a súa propia realidade, formulando, en certa medida, a importancia do que se coñece como “teatralidade”. Finalmente, tratou de potenciar a lexitimación social do comediante ou promover a súa formación, que vai unida á formación dos propios públicos que, en ocasións, rexeitan un determinado produto escénico en función da súa experiencia, das súas expectativas e da súa memoria como espectadores. Como filósofo, ocupouse da natureza do home, da súa condición, dos problemas morais ou do sentido do destino, e tratou de elaborar unha moral individual que conciliase a liberdade individual coas esixencias sociais. O seu pensamento articulouse a partir da invalidación sistemática das suposicións e da adopción da experiencia como único criterio válido. Opúñase á abstracción e á especulación, e defendeu o empirismo e o sensacionismo apoiándose no estudo dos casos concretos de cegos e xordomudos. Integrado nas correntes de libre-pensamento, encamiñouse cara á filosofía materialista e cara ao ateísmo. No campo da ciencia, interesouse pola formación e polo desenvolvemento dos organismos biolóxicos e anticipou a constitución celular dos seres vivos. Interesouse tamén polo estudo das artes e da estética. Opúñase á limitación das regras impostas aos artistas e defendía que o artista creaba beleza mediante a idealización da natureza. No tocante ao seu pensamento político, tras unha primeira etapa na que, influído polas ideas de Montesquieu, creu no despotismo ilustrado, postulou unha rexeneración da sociedade na procura de formas de goberno máis efectivas. Foi precursor da crítica de arte cos seus escritos Les Salons (Os Salóns, 1759-1781) e coa correspondencia que mantivo con Grimm e Sophie Volland. Escribiu tamén, entre outras obras, Traité du beau (Tratado sobre a beleza, 1750), Essais sur la peinture (Ensaios sobre a pintura, 1765) e Pensées détachées sur la peinture, la sculpture, l’architecture, la poesie (Pensamentos detallados sobre a pintura, a escultura, a arquitectura, a poesía, 1777). Entre as súas obras filosóficas destacan: Pensées philosophiques (Pensamentos filosóficos, 1746), Lettre sur les aveugles à l’usage de ceux qui voient (Carta sobre os cegos para uso dos que ven, 1749), Pensées sur l’interprétation de la nature (Pensamentos sobre a interpretación da natureza, 1754), Le rêve de d’Alembert (O soño de d’Alembert, 1769), Le supplément au voyage de Bougainville (O suplemento á viaxe de Bougainville, 1773) e La réfutation d’un ouvrage d’Helvétius intitulé l’Homme (Refutación dunha obra de Helvetius titulada o home, 1773).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Langres, Haute

  • Deceso

    Lugar : Marne

  • Deceso

    Lugar : París