Didio Xián
Emperador romano. Axudado nos inicios da súa carreira pola nai do Emperador Marco Aurelio, accedeu ao cargo de cuestor antes da idade legal. Foi edil, pretor, legado en Acaia e en África, dirixiu a Lexión XXI en Xermania e designárono gobernador da Bélxica, onde detivo a invasión dos xermanos. Nomeado cónsul, derrotou os catos, pero o Emperador Cómodo desterrouno a Mediolanum, acusado de participar nunha conspiración na súa contra. Absolto, exerceu o goberno da Bitinia, foi cónsul e procónsul en África e procónsul en Asia, entre 189 e 190, e de novo entre 192 e 193. Despois da morte de Pertinax (193), accedeu ao trono logo de subornar a garda pretoriana, poxando contra Flavio Sulpiciano, e emprendeu numerosas disposicións que xa foran promulgadas por Cómodo, ao tempo que tentou achegarse á orde ecuestre. O pobo rexeitouno como emperador e producíronse disturbios en Roma. A revolta propagouse ás provincias trala proclamación de Pescennio Nigro, gobernador de Siria, como emperador. Pola súa parte, as lexións do Rin e do Danubio declararon augusto a L. Septimio Severo, e Claudio Albino sublevouse na Britania. Septimio Severo marchou sobre Roma. O Senado sentenciou a morte de Didio Xián e recoñeceu como emperador a Septimio Severo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Mediolanum [actual Milán]