Dido
Raíña de Cartago, filla de Belus, rei de Tiro. Coñecida tamén co nome tirio de Elisa, a súa lenda difundiuse fundamentalmente pola novela de amor que incluíu Virxilio na Eneida. Trala morte de seu pai, o pobo recoñeceu como rei o seu irmán Pigmalión malia ser un cativo. Co tempo Dido casou co seu tío Sicarbas, sacerdote de Heracles, pero Pigmalión, que cobizaba os seus tesouros, asasinouno; daquela, Dido fuxiu de Fenicia ao N de África cos seus seguidores, a onde levou todas as pertenzas do seu esposo morto e fundou a cidade de Cartago. Un gobernante nativo, Iarbus, ameazou con emprender unha guerra cando a cidade comezou a prosperar, a menos que casase con el. Pero Dido, despois de dilatar a decisión, acabou suicidándose. A versión de Virxilio diverxe un pouco desta. Na Eneida cóntase cómo o príncipe de Troia, Eneas, naufragou en Cartago despois de fuxir do saqueo de Troia. Seica Dido recibiu os troianos cunha grande hospitalidade, e malia a promesa de celibato que fixera despois do asasinato de seu marido, namorouse de Eneas. Cando o Rei Iarbas se enterou, anoxouse e pediulle a Xúpiter que afastase a Eneas. Cando Dido soubo da partida do seu namorado levantou unha pira e botouse ás chamas.