Diego III de Muros
Deán de Santiago de Compostela e bispo de Mondoñedo (1505-1512) e Oviedo (1512-1525). O seu tío Diego I de Muros outorgoulle unha coenxía en Santiago (1474). En 1476 trasladouse a Salamanca, onde estudiou artes, teoloxía e dereito, e entrou en contacto co cardeal P. González de Mendoza. Converteuse no seu secretario e colaborou na creación do colexio de Santa Cruz. Foi cóengo de Sigüenza (1490) e, logo da morte do cardeal (1495), volveu a Santiago onde foi deán do cabido. Os Reis Católicos encargáronlle a fundación do Hospital Real e converteuse no seu administrador. Xunto co seu curmán Diego II de Muros, foi un dos patróns do novo Estudio Xeral (17.7.1501), orixe da Universidade de Santiago de Compostela, ao que lle achega as rendas de diversas propiedades na vila e no alfoz de Muros. No 1504 acadou co seu curmán a confirmación do estudo por unha bula do Papa Xulio II. Foi nomeado bispo de Mondoñedo en 1505, pero conservou o dominio dos asuntos en Compostela. No 1512 foi promovido ao bispado de Oviedo, no que emprendeu diversas reformas eclesiásticas e onde creou o colexio de Santo Domingo. Foi xuíz dos eclesiásticos implicados na revolta dos comuneiros e tenedor dos seus bens. Nos últimos anos perdeu o apoio da coroa pola apropiación de bens. Entre os seus escritos destaca (...) panegiris de obitu Illustrissimi Domini Johannis Hispaniae (panexírico da morte do Ilustrísimo Señor Xoán de Hispania).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Cee -
Deceso
Lugar : Oviedo