Diego García

Diego García

Illa do Océano Índico baixo soberanía británica, incluída no Territorio Británico do Océano Índico (27 km2). A illa, a maior do arquipélago de Chagos, é un atol de coral vivo, cun gran lago no seu interior. Descuberta polo navegante luso Diego Garcia a principios do s XVI, os portugueses non estableceron ningunha factoría e a illa quedou á marxe das rutas comerciais. A principios do s XVIII os franceses tomaron posesión dela. Tralas guerras napoleónicas (1814) pasou a soberanía británica. En 1965 foi adscrita á xurisdición do gobernador británico das Seychelles, baixo a que permaneceu ata a independencia destas en 1976. En 1966 os gobernos británico e estadounidense acordaron a militarización da illa, que se converteu en base aeronaval conxunta das súas respectivas forzas armadas. Por mor da apertura da base en 1971, a poboación nativa da illa foi deportada. A base de Diego García empregouse como lanzadeira dos bombardeiros aliados na Guerra do Golfo de 1991 e na ofensiva antiterrorista sobre Afganistán do outono de 2001.