Diego Moniz
Trobador. A colocación das súas cantigas no comezo do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B), a seguir das de Airas Moniz d’Asme, levou a algúns investigadores a afirmar que ambos os dous trobadores poderían ser da mesma familia, quizais irmáns, e que serían autores do primeiro período da lírica galego-portuguesa. Polo que respecta á súa orixe, Carolina Michäelis considera que era portugués. Non obstante , a referencia a dúas persoas co mesmo nome en documentos de finais do s XII e inicios do XIII localizados nos mosteiros de Lourenzá e de Oseira en Galicia, así como no mosteiro de San Martiño de Castañeda, preto de Zamora, levaron ao investigador Resende de Oliveira a soster a súa posible orixe galega. Só se conservan dúas cantigas de amor da súa produción poética, unha completa e a outra fragmentaria. Non obstante , unha análise comparativa entre B e a Tavola Colocciana permite afirmar que, probablemente na lagoa existente tralas composicións conservadas habería máis cantigas deste autor, xa perdidas. Os temas presentes nestas cantigas son os típicos deste xénero amoroso: a coita do trobador, a morte de amor, etc. A cantiga de mestría Deus! que pouco que sabia está organizada en cobras alternas e presenta no terceiro verso de todas as súas cobras o recurso coñecido como “palavra perduda”. Non obstante , na outra cantiga, de refrán, Se soubess’ a mia senhor como m’ a mi prazeria (fragmentaria), optou polo emprego de cobras unisonantes.