Diego Páez
Bispo de Santiago de Compostela (1070-1094). Nomeado por Sancho II para suceder o bispo Gudesteo, conservou o cargo cando Afonso VI engadiu Galicia aos seus dominios logo de facer prisioneiro o Rei Don García. Reorganizou os dominios territoriais de Santiago enfrontándose cos nobres que usurparan as terras da sé; ao mesmo tempo reinstaurou a figura dos arcediagos e elixiu entre os cóengos os novos xuíces, co que mellorou a xustiza e a administración. En 1075 iniciou as obras da catedral románica de Santiago, dirixidas polos mestres Bernaldo o Vello e Roberto, coa construción do deambulatorio e das cinco capelas orixinais. Logo da conquista de Toledo por Afonso VI (1085), enfrontouse co monarca polas pretensións do rei de converter esta cidade en capital política e eclesiástica do reino. A revolta do conde Oveco Bermúdez e do seu fillo Rodrigo Ovéquiz (1085-1088), interromperon as obras na catedral de Santiago de Compostela e provocaron a represión de Afonso VI e a posterior división do reino de Galicia en dous condados, o galego e o portugués. O bispo foi acusado de participar na sublevación, xa que segundo algunhas fontes planeou entregarlle Galicia ao duque Guillerme o Conquistador. Este feito provocou que Afonso VI o encarcerara, ao mesmo tempo que presionou para que fose deposto no concilio celebrado en Husillos (1088). Malia as presións da corte castelá e do arcebispo de Toledo, permaneceu encarcerado ata o 1094. Co apoio do monarca Pedro I de Aragón, marchou a Roma e solicitou que lle devolvese a sé compostelá. As negociacións prolongáronse pola oposición de Afonso VI, malia o apoio de Urbano II, pero a elección do novo Papa Pascual II, que participou na súa destitución como legado papal, supuxo a confirmación da sentenza que o privaba da sé compostelá (29.12.1099). Volveu a Aragón, onde permaneceu ata a súa morte.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Aragón