Diego Pezelho
Xograr. Os datos conservados sobre este autor non permiten testemuñar a súa orixe. A indicación da súa condición de xograr, reflectida na rúbrica atributiva que precede á súa única cantiga conservada, fai pensar nun xograr galego. Non obstante , os datos extraídos da cantiga permiten situar a súa actividade na corte portuguesa nos últimos anos do reinado de Sancho II. Tal vez fose un xograr galego que chegou a Portugal con algún dos magnates que acompañaron a Afonso de Castela na súa incursión en apoio a Sancho II. A cantiga Meu senhor arcebispo, and’eu escomungado é un escarnio político que foi copiado tanto no Cancioneiro da Biblioteca Nacional como no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Pertence ao chamado “ciclo dos alcaides traidores a Sancho II” durante a Guerra Civil de 1245-1247, na que os alcaides, ameazados coa excomuñón dos arcebispos, entregaban os seus castelos ao conde de Boulogne. A composición é unha cantiga de refrán estruturada en catro cobras singulares que está posta en boca do alcaide de Sousa, quen se dirixe ao arcebispo para expresarlle, de forma irónica, o seu arrepentimento por ser leal e non lle entregar o seu castelo ao conde boloñés.