Dieste Gonçalves, Eduardo
Escritor. Viviu de neno en Rianxo e ingresou no Seminario Conciliar de Santiago de Compostela entre 1893 e 1904, aínda que abandonou os estudios pouco antes de ser ordenado sacerdote. Cursou a carreira de Filosofía e Letras na Universidade compostelá. En 1910 fundou xunto con Castelao o semanario político-literario El Barbero Municipal, de tendencia anticaciquil. As loitas políticas derivadas desta publicación determinaron o seu regreso a Uruguay en 1911. En Montevideo exerceu o xornalismo e a docencia, e destacou como fundador, orientador e animador do grupo de poetas e artistas Teseo, nome tamén da revista que fundou en 1924, de enorme importancia en toda Hispanoamérica e en España como canle de expresión das novas tendencias artísticas. En 1927 recibiu o cargo de cónsul en Londres, ocupouno durante catro anos. En 1931 trasladouse a España e desempeñou o mesmo cargo, sucesivamente, en Bilbao, Cádiz e Madrid. Neste último destino patrocinou a partir de 1935 a revista P.A.N. (Poetas Andantes e Navegantes), na que tamén colaborou activamente o seu irmán Rafael, dirixida por José Otero Espasandín e aglutinadora de figuras da literatura galega, española e hispanoamericana. Ao comezo da Guerra Civil regresou a Montevideo e, como expresión do seu desacordo co goberno de Uruguay, que rompera relacións coa República española, renunciou ao seu cargo de cónsul. Pouco despois, foi invitado pola Universidade de Berkeley en San Francisco a ditar cursos de literatura española. En 1943 recuperou o cargo de cónsul, que exerceu en San Francisco, Nova York e Santiago de Chile. A partir de 1938 reuniu todos os relatos, obras de teatro e ensaios sobre arte, literatura e estética que publicara ao longo da súa vida nos volumes Teseo (Los problemas literarios) (1938), reunión de ensaios sobre a estética contemporánea, nos que introduce o concepto de folclore como base do coñecemento e a posibilidade dunha filosofía da literatura como reflexión do creador desde dentro da obra mesma; Teseo (Los problemas del arte) (1940), colección de ensaios nos que analiza os valores da vangarda artística e medita sobre o impresionismo, cubismo, futurismo e expresionismo; Leyendas de música (1911), que inclúe as novelas Margaritas de oro e La canción tonta; o drama Los místicos (1915); Buscón poeta y su teatro: Recorrido espiritual y novelesco del mundo (1933), recompilación narrativa e obra dramática; Buscón poeta. Recorrido espiritual y novelesco del mundo (1942), compilación da súa narrativa breve; Teatro del Buscón (1947), que contén as pezas Castidad, La ilusión -dramas naturalistas, descritivos de sutís conflitos psicolóxicos- e El viejo -drama de ambiente familiar que se desenvolve no campo uruguaio-; e Veintiún sonetos de Shakespeare (1944), que recolle o seu traballo como tradutor. En 1986 reeditáronse parte dos seus contos, teatro e ensaios, baixo o título Obra selecta.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Rocha, Uruguay -
Deceso
Lugar : Santiago de Chile