Díez-Canedo, Enrique

Díez-Canedo, Enrique

Poeta, escritor e crítico teatral. Apostou decididamente pola modernidade, apoiou a incorporación do espírito e das tendencias vangardistas ás letras e ás artes e participou activamente en multitude de empresas e iniciativas tendentes a promover a modernización do Estado. Colaborador habitual de publicacións como La Pluma, Revista de Occidente, España, Índice, Madrid, Hora de España ou El Sol, os seus traballos de crítica teatral, dos que sempre se ten destacado a súa sensibilidade, erudición, responsabilidade e honradez, constitúen unha obrigada referencia para coñecer o pulso escénico e analizar as tendencias de renovación teatral que se intentaron desenvolver en Madrid durante o primeiro terzo de século; traballos publicados en catro volumes co título xenérico de Artículos de crítica teatral. El teatro español de 1914 a 1936 (1964). Cómpre salientar os seus estudios sobre “Bécquer y Eulogio Florentino Sanz” (1914), “Colegio de México: Horacio en México” (1940), e “Juan Ramón Jiménez en su obra” (1944), artigos publicados na Revista de filología española. Amigo de Josep María López-Picó e Josep Carner, traduciu poetas cataláns e franceses, estes últimos reunidos na súa antoloxía La poesía francesa (1913). Cultivou tanto o verso como a prosa. Como poeta publicou Versos de las horas (1906), La visita del sol (1907), La sombra del ensueño (1910), Algunos versos (1924) e Epigramas americanos (1928), obra influída por Walt Whitman coa que remata a súa época modernista. En prosa destacan Sala de retratos (1920), Conversaciones literarias (1921), Los dioses en el Prado (1931), El teatro y sus enemigos (1939) e Letras americanas, publicado postumamente. En 1935 ingresou na Real Academia Española de la Lengua e, finalizada a Guerra Civil, exiliouse en México, cidade onde continuou o seu labor como crítico e articulista, exercendo un maxisterio periodístico recoñecido internacionalmente. Foi académico e profesor da Escola Central de Idiomas e na de Artes e Oficios de Madrid, ministro en Uruguay e embaixador en Arxentina.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Badajoz

  • Deceso

    Lugar : Ciudad de México