dificultade

dificultade

(< lat difficultāte)

  1. s f

    Calidade de difícil.

    Ex: Os escaladores subiron unha montaña dunha dificultade incrible.

  2. s f
    1. Situación ou circunstancia que fai difícil ou obstaculiza a realización ou entendemento dunha cousa, e que é necesario resolver.

      Ex: A miña maior dificultade para o estudo é que teño problemas para concentrarme. Tivo moitas dificultades para chegar ata o cume.

      Sinónimos: impedimento.
    2. Reparo ou oposición que se impón para a realización dalgunha cousa.

      Ex: Puxéronlle moitas dificultades para darlle o visado.

      Sinónimos: impedimento.
  3. dificultade escolar [EDUC]

    Dificultades que poden ter os cativos en idade escolar e que dalgunha maneira lles impiden a súa integración total na dinámica normal das clases. Estas poden ser de diversos tipos: físico, psíquico ou social.

Refráns

  • A auga costa arriba corre pouco.
  • A cada anaquiño hai unha legua de mal camiño.
  • A cada día abóndalle a súa malicia.
  • A derradeira medida sempre foi mala de encher.
  • A día tolo, camiñante afouto/cordo.
  • A mal ano, boa cara.
  • A pan duro, dente agudo.
  • A pedra redonda nunca moito acouga.
  • A pouco vento, forza de remos.
  • A torto ou dereito, axude Deus ao noso consello.
  • Agulla en palleiro mala é de atopar.
  • Andar, andar, que o rabo está por esfolar.
  • Auga de moitos muíños é mala de arrecadar.
  • Auga de moitos regueiros é mala de arrecadar.
  • Bo traballo é ser servidor despois de ser señor.
  • Cando Deus non quere, os santos non poden.
  • Cando penses meter o dente en seguro, atoparás co duro.
  • Cando vai torta, o demo que a endereite.
  • Con tres pes abriraste camiño; pau, paciencia e padriño.
  • Cortada a carrasca, calquera a leña apaña.
  • Deus apreta mais non afoga.
  • En todas partes cocen pan.
  • Mar de andazo, non che faltará argazo.
  • Neste mundo mesquiño cando baixa o pan sobe o viño.
  • Non hai pedra, por dura que sexa, que non amoleza.
  • Non hai peor dificultade cá pouca vontade.
  • Non hai río bravo que non teña un bo paso para atravesalo.
  • Non se vai ao ceo a cabalo.
  • Non sempre vai a auga ao rego.
  • O aire que corre, muda o catavento mais non a torre.
  • O mal camiño, andalo logo.
  • Ó mal vento vólvelle o capelo.
  • O palleiro vello, cando se acende, malo é de apagar.
  • O que come as duras mellor comerá as maduras.
  • O que roe as duras, ben pode roer as maduras.
  • Onde non chove, barruza.
  • Ou parir ou rebentar, non hai outro camiño por onde botar.
  • Para o bo día abre a porta e para o malo entórnaa.
  • Por medo aos gorrións non quedan sen sementar os leiróns.
  • Quen pasou o máis, que pase o menos.
  • Se te vires perdido, bótate a nadar.
  • ¿Como che vai, Sindo? -As veces rabiando e ás veces rindo.

Palabras veciñas

Difflugia | dificerco -ca | difícil | dificultade | dificultar | dificultoso -sa | difilídeo -a