Dijon

Dijon

Capital do departamento de Côte-d’Or, na Borgoña, Francia, na marxe esquerda do río Saône (151.600 h [2000]). Gracias á súa situación xeográfica, exerce unha ampla influencia sobre un espazo moi grande, entre a conca parisina e as metrópoles de Lorena e Alsacia. As actividades industriais lograron consolidar unha produción moi diversificada, que vai desde a industria eléctrica e electrónica á mecánica. Ademais, nos últimos anos beneficiouse das achegas do turismo. Durante a revolución comercial do s XI alcanzou unha grande importancia a causa da súa situación. En 1015, en tempos de Roberto o Piadoso, integrouse no ducado de Borgoña, do que foi capital. Do seu patrimonio cultural destaca a catedral de Saint-Benigne, construída no s XIV, pero que conserva unha cripta do s XI, a igrexa de Notre-Dame (s XIII) que conserva a Jacquemart ou torre do reloxo, e a igrexa renacentista de Saint-Michel (s XV). Entre os edificios civís dos ss XIV e XVI que se conservan destaca o Palais Ducal, construído segundo as trazas de Hardouin-Mansart. Das institucións culturais cómpre salientar o Musée des Beaux-Arts e o Musée Bourguignon des Arts et Traditions Populaires.