Dinamarca
Estado de Europa setentrional, situado entre o mar do Norte, ao O, e o Mar Báltico, ao L, e entre o continente europeo, ao S, e a Península Escandinava, ao N. Limita ao S con Alemaña, concretamente co land de Schleswig-Holstein; polo NO, o estreito de Skagerrak sepárao de Noruega; ao NL o Kattegat sepárao das costas de Suecia. O país está formado pola península de Xutlandia e un total de 406 illas do Mar Báltico, das que só 79 están habitadas; entre elas destacan Sjælland, Lolland, Fyn e Bornholm. A illa de Groelandia e o arquipélago das Feroe pertencen á coroa danesa, aínda que manteñen plena autonomía. O territorio metropolitano (43.095 km2; 5.313.577 h [estim 1999]) esténdese entre os 58° e 55° de latitude N e os 8° e 15° de lonxitude O. A capital é Copenhaguen, situada na beira oriental da illa de Sjælland.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
No territorio danés, a altitude media é de 35 m. A parte peninsular carece de grandes altitudes, cun relevo resolto nunha gran chaira, co seu punto culminante no monte Himmelsber, que no cumio acada os 173 m de altitude. Xeoloxicamente, aséntase sobre un zócolo precámbrico de gneis e granitos que experimentou unha grande evolución: no Cámbrico sufriu unha intensa erosión e sedimentación de orixe alternativamente continental e mariña, debido aos cambios do nivel do mar; o Ordovícico e o Silúrico foron épocas de grande actividade volcánica; no Carbonífero e no Pérmico experimentáronse intensos procesos oroxénicos, que culminaron co dobramento herciniano; dende o final do Paleozoico e o Mesozoico a zona permaneceu cuberta polo mar; xa no Terciario, no Miocenom emerxeu o actual territorio danés; esta penechaira estivo sometida á acción glaciar no Cuaternario, feito que deu orixe aos lagos e aos fiordes, que configuran unha costa irregular, con profundas penetracións do mar cara ao interior. Na metade occidental de Xutlandia o solo está constituído por area e coios que levou a auga procedente do desxeo, polo que se constituíu unha rexión pouco fértil, recuberta de landas na que só se cría gando. Nesta rexión, a costa é baixa e rectilínea. Pola contra, na metade oriental da península e nas illas, que están na parte central do antigo glaciar, o solo está recuberto dunha arxila moi fértil e apta para o cultivo. O litoral de Dinamarca suma máis de 7.300 km.
Climatoloxía e hidrografía
A situación de Dinamarca na proximidade das latitudes circumárticas contribúe a configurar un clima caracterizado termicamente polas baixas temperaturas, cunha media nos meses de inverno de 0°C e no verán de 16°C, suavizadas pola corrente do Golfo e os ventos do S. Durante o inverno son frecuentes as xeadas, sobre todo no interior, mentres que as precipitacións se rexistran principalmente no verán, cunha media anual escasamente superior aos 600 mm. Os ríos son relativamente curtos; os máis longos e caudalosos son os da península de Xutlandia, que desembocan na súa maior parte no mar do Norte, agás o Gudena, principal río do país, que o fai no estreito de Kattegat.
Medio ambiente
Case que as dúas terceiras partes da superficie de Dinamarca están ocupadas por campos de cultivo que desprazaron os bosques caducifolios (que cubrían do 80 ao 90% do territorio) e as áreas húmidas (das que só se conserva entre un 1% e un 3%). Esta transformación do medio foi especialmente negativa polo forte impacto dos pesticidas e fertilizantes empregados nas actividades agrarias, que ademais de afectar aos solos contamina tamén as augas continentais e mariñas. A flora está representada por 1.200 especies de plantas (200 delas alóctonas), 900 especies de liques (dos que o 70% están ameazados pola contaminación atmosférica de dióxido de xofre e nitróxeno), 3.000 especies de fungos e 350 especies de algas. Entre un 20 e un 30% das especies de plantas e fungos están en perigo de extinción. En canto á fauna, pódense localizar 49 especies distintas de mamíferos, 209 de aves, 5 de réptiles, 14 de anfibios, 37 de peixes de auga doce, 110 de peixes mariños e ao redor de 21.000 de invertebrados, dos que 18.000 son insectos. As costas e pantanos daneses constitúen un importante refuxio das aves migratorias e, así, máis do 20% dos individuos de 28 especies de aves acuáticas dependen destes medios. As obras de drenaxe, os encoros e os muíños de auga construídos polo home para diversos aproveitamentos, provocaron a extinción de especies de peixes migratorios, como o peixe rei. O lamentable estado de conservación da natureza danesa provocou, a partir da década de 1970, a toma de conciencia da poboación e os gobernos ante os problemas relacionados co medio ambiente; como consecuencia, en 1974 promulgouse a Lei de Protección do Medio Ambiente, dirixida a limitar a dispersión de substancias nocivas na atmosfera, no solo e na auga. Debido á aplicación da lexislación, a principios da década de 1990, aproximadamente o 90% das augas sometíanse a depuración. En 1986 aprobouse o plan de acción contra os pesticidas e en 1995 prohibiuse en Dinamarca o uso de CFC. As medidas para evitar o uso de metais pesados, principalmente as emisións de chumbo dos automóbiles, lograron un descenso destas de case que un 97% entre 1977 e 1993. A Lei sobre os Cursos de Auga de 1982 está orientada á rexeneración dos medios acuáticos e a Lei Forestal de 1989 naceu coa pretensión de duplicar a superficie forestal de Dinamarca no s XXI.
Xeografía económica
Economía
A economía danesa caracterízase polo predominio da pequena empresa, tanto na agricultura como na industria, así como a asociación en cooperativas e con empresas transnacionais. O Banco Mundial calculou que o crecemento real por ano da renda per cápita no período 1960-1982 foi do 2,5%. En 1999 esta renda situouse no quinto lugar de Europa (34.890 $ USA [1997]). A adecuación dos aranceis agrarios ás esixencias do ingreso nas comunidades europeas (1973) provocou dificultades nun país tan identificado cos outros membros nórdicos da Asociación Europea de Libre Cambio (EFTA), especialmente con Suecia e Noruega. A dificultade máis grande, sen embargo, provócaa a dependencia do petróleo, que desequilibra a súa balanza comercial. Ten o PIB máis elevado da área escandinava (128.400.000 $ USA [1991]), sustentado tradicionalmente polo enorme gasto público, comprometido nos últimos anos por mor do descenso demográfico. A economía danesa evolucionou nos últimos anos do s XX cara a un modelo baseado nos servicios, aínda que o sector primario mantén unha achega considerable ao PIB, grazas á elevada produtividade da agricultura e da gandería. Entre 1999 e 2000 o goberno socialdemócrata conseguiu resultados realmente positivos, coa situación do índice de desemprego no 6,6% (1998). A inflación anual en 1998 foi do 1,9%, e o volume de poboación activa no mesmo ano de 2.925.000 h, dos que o 46% son homes. A moeda oficial é a coroa danesa, pois aínda que o país cumpría amplamente os requisitos de converxencia esixidos para a incorporación á Unión Económica e Monetaria europea, os seus cidadáns rexeitaron en referendo esa posibilidade.
Sectores agropecuario e pesqueiro
Unha das bases da economía de Dinamarca é a agricultura, dun gran rendemento, non tanto polas circunstancias do clima e as aptitudes do solo, como pola sofisticación técnica e a organización da produción, baseada en sociedades cooperativas que ocasionaron a desaparición practicamente total do agricultor individual illado, aínda que tamén resulta moi favorable para a actividade agraria a topografía chairega do país. A estrutura da propiedade caracterízase pola elevada fragmentación, consecuencia das políticas agrarias iniciadas no s XVIII, que supuxeron o final das grandes propiedades e o reparto das terras entre os arrendatarios, convertidos así en pequenos propietarios. O 60% da superficie total está ocupada por cultivos; as principais especies son o orxo (da que Dinamarca é o décimo produtor mundial), o trigo, o centeo, as patacas, a remolacha, as hortalizas, a froita (sobre todo mazás) e a colza. Os produtos agropecuarios (principalmente gandeiros), totalizan o 25,4% das exportacións danesas. O peso dos produtos gandeiros na balanza comercial provoca que o 85% da produción agrícola se dedique á alimentación do gando (cereais, -agás o trigo-, e forraxe). Destacan os armentíos bovino e porcino. A pesca tivo desde sempre grande importancia na economía. A pesca industrial iniciouse no mar do Norte a finais da década de 1940 coa captura de arenque. En 1998, as capturas, que no 80% proceden dos caladoiros do mar do Norte, ascenderon a 1,1 millóns de toneladas, principalmente bacallao, arenque, pescada e linguado. Os principais portos pesqueiros son Esbjerg, Hanstholm e Skagen. O valor das capturas en 1998 foi de 31.000 millóns de coroas. A maior parte do peixe expórtase, tanto fresco coma conxelado, e representa o 3,5% das exportacións.
Minería e industria
Dinamarca non posúe riquezas mineiras en terra firme, pero si as ten nos xacementos de hidrocarburos descubertos na plataforma continental do mar do Norte, onde o sector dinamarqués correspondente a Xutlandia ocupa máis de 74.000 km2 e contiña 46 millóns de toneladas de petróleo e 82 millóns de metros cúbicos de gas natural, segundo as estimacións tiradas das prospeccións de 1983. En canto aos recursos enerxéticos, o esgotamento do lignito coincidiu co inicio da explotación comercial de petróleo en 1974 e do gas natural, sen embargo, non é autosuficiente. A industria está moi diversificada e produce tanto para o consumo do mercado interior como para a exportación. As principais empresas pertencen aos sectores alimentario, químico (principalmente plásticos) e siderometalúrxico. Tamén son importantes o sector téxtil e a fabricación de maquinaria agrícola. A industria danesa caracterízase pola atomización nun gran número de pequenas empresas, feito que non lle resta competitividade: máis da metade das mesmas emprega menos de cinco traballadores e só o 0,4% das empresas teñen máis de 100 empregados. Cómpre destacar, polo éxito acadado nos mercados internacionais, a modernización da artesanía, mobiliario, electrónica e manufacturas metálicas.
Comercio exterior
Aínda que por mor da falta de recursos naturais ten que importar materias primas para a industria, material de transporte terrestre, combustible, maquinaria eléctrica e diversos produtos alimentarios, o comercio exterior presenta un claro signo positivo. Os principais produtos de exportación son o peixe, os produtos químicos e farmacéuticos, a carne porcina, os barcos e a maquinaria agrícola, que en conxunto acadan un valor de 48.800 millóns $ USA (1995). Os principais clientes son Alemaña (22,5%), Suecia (9,7%), Noruega (5,9%), Francia (5,4%) e EE UU (4%). No que se refire ás importacións, que suman un valor de 43.200 millóns $ USA (1995), as principais partidas correspóndenlles ao petróleo, papel, alimentos e maquinaria. Os principais provedores son Alemaña, Xapón e Noruega.
Transportes e comunicacións
A rede de transportes consta de 71.462 km de estradas, das que 861 son autoestradas (1999). O ferrocarril, cunha rede de 2.524 km (1998), converteuse nunha das prioridades gobernamentais, que deseñaron a finais do s XX un ambicioso programa de ampliación. Copenhaguen, o principal aeroporto do país, é a sede transoceánica da Scandinavian Airlines System (SAS), primeira compañía con voos regulares sobre o Polo Norte. O porto de Copenhaguen perdeu importancia desde que en 1985 o canal alemán de Kiel o desbancou como o paso obrigatorio ao Mar Báltico dende Occidente. Diversas liñas de transbordadores unen as illas e Xutlandia, entre elas e con Suecia, Alemaña e Noruega. As illas de Lolland e Falster están unidas por unha ponte. Outra ponte une as dúas illas máis grandes, Fyn e Sjælland. Dende o 1 de xullo de 2000 a illa de Sjælland está unida ao extremo meridional da Península Escandinava pola ponte de Øresund, unha complexa obra de enxeñería que comunica Copenhaguen e Malmö (Suecia), cousa que permitiu unha revalorización estratéxica de Dinamarca como enlace entre a Europa Central e Nórdica, e contribuíu a crebar o tradicional illamento desta última.
Xeografía humana
Demografía
O crecemento natural situábase en 1998 no 1,5‰, cunha taxa de mortalidade infantil do 4,7‰ no mesmo ano. Dinamarca ten unha porcentaxe de poboación con idade superior a 60 anos moi elevada, superior ao 20%, como consecuencia dunha taxa de natalidade baixa que non permite o relevo xeneracional. En 1997 a porcentaxe de poboación menor de 15 anos era do 18,8%, mentres que o 15% ten máis de 65 anos. O índice de natalidade situábase en 1998 no 12,5‰ e o de mortalidade no 11‰, tan elevado por mor do intenso grao de avellentamento da poboación. A esperanza de vida ao nacer é para os homes de 74 anos (1998) e de 79 para as mulleres.
Poboamento
Dinamarca ten unha elevada densidade de poboación (124,5 h/km2), a máis elevada dos países escandinavos, fundamentalmente grazas ao seu relevo pouco accidentado, favorable para a ocupación humana, e tamén ao menor rigor climático en comparación co seu contorno nórdico. O país tamén rexistra un dos índices máis altos de poboación urbana do mundo (84%). A mecanización dos labores agrarios ocasionou a redución da poboación ocupada no sector; este fenómeno, combinado coa expasión da industria e dos servicios, modificou a distribución territorial da poboación, que emigrou dende as áreas rurais cara aos principais centros urbanos, localizados no litoral. Deste xeito, as principais cidades son portos marítimos ou fluviais: Copenhaguen (491.082 h [1999]), na illa de Sjælland; Odense (183.584 h [1999]), na illa de Fyn; e Århus (283.673 h [1999]), Ålborg (160.937 h [1999]) e Esbjerg (83.036 h [1999]), en Xutlandia.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Etnicamente, a poboación é moi homoxénea, xa que o 95,2% do total de habitantes son daneses, pero tamén hai outros grupos étnicos minoritarios, ben de inmigrantes, como os turcos (0,7%), ou ben colonias de pobos que historicamente compartiron o territorio e permanecen nel, como suecos e alemáns (que constitúen cada un deles o 0,2% da poboación). A lingua oficial é o danés, pero tamén se fala o feroés (no arquipélago das Feroe), o groenlandés (en Groenlandia) e o xutlandés (na península de Xutlandia). A relixión oficial é a cristiá luterana, profesada polo 87% da poboación. Os católicos constitúen o 0,6%, mentres que os musulmáns son o 1,4%. Existen outras relixións minoritarias que gozan de estatuto de confesión recoñecida, como os cristiáns baptistas (con 6.000 fieis). Ademais, unha serie de pequenas sociedades relixiosas organizadas, como os Bahai ou budistas, teñen dereito a organizar matrimonios e recibir doazóns particulares. O ensino é obrigatorio entre os sete e os dezasete anos; ademais, o Estado está obrigado a ofrecer ensino preescolar. Os centros de ensino superior de Dinamarca son as universidades de Copenhaguen, fundada en 1479, Århus (1928), Odense (1964), Roskilde (1972) e Ålborg (1974).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano situaba en 1998 a Dinamarca entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 15º posto cun índice do 0,911). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 75,7 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 93%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 24.218 $ USA.
Goberno e política
A constitución de 1953 definiu o Estado danés como unha monarquía constitucional hereditaria. Territorialmente, a Dinamarca metropolitana divídese en 14 condados (amt). Ademais, dous dos seus 257 municipios (Copenhaguen e Frederiksberg) contan cun estatuto especial. As Illas Feroe gozan dende 1948 dun réxime autónomo, con institucións propias, e o seu idioma comparte a oficialidade co danés. Groenlandia goza tamén de autonomía dende 1997, aínda que no seu caso existe unha menor vinculación co goberno de Copenhaguen. Estes dous territorios non pertencen á Unión Europea, pois decidiron en referendo a súa saída. O xefe do Estado é a Raíña Margarida II dende o 14 de xaneiro de 1972. O poder executivo correspóndelle ao primeiro ministro e ao Consello de Ministros, elixidos cada catro anos. O poder lexislativo desempéñao o Parlamento unicameral, o Folketing, que está composto por 179 membros, elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos; dous deputados representan a Groenlandia e outros dous ás Illas Feroe. O sistema xudicial está baseado no dereito constitucional. O máximo tribunal de xustiza é a Corte Suprema de Copenhaguen. Non está en vigor a pena de morte; están recoñecidos os dereitos políticos e as liberdades civís e acepta con reservas a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP destinado a abolir a pena de morte; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, e efectuou a declaración prevista no artigo 22 (pola que se recoñece a competencia do Comité contra a Tortura para examinar as denuncias enviadas a título individual); Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo de Roma para a creación do Tribunal Penal Internacional; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950); e realizou as declaracións previstas no artigo 25 (polas que se recoñece a competencia da Comisión Europea de Dereitos Humanos para examinar denuncias individuais de violacións do Convenio) e no 46 (pola que se recoñece a obrigatoriedade da xurisdición do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos para todos os asuntos relativos á interpretación e aplicación do Convenio); Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (1987); e o Sexto Protocolo do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais referente á abolición da pena de morte (1983). O sistema político danés baséase no pluripartidismo dende a aprobación da primeira constitución (1849). As principais formacións políticas son a Socialdemokratiet (Socialdemocracia), fundada en 1871, o Det Radikale Venstre (Partido Radical), fundado en 1905, o Venstre (Partido Liberal), fundado en 1870, e o Det Konservative Folkepart (Partido Conservador Popular), coñecido ata 1915 como o Højre (Partido da Dereita). Estes partidos dominaron a política danesa ata comezos da década de 1970, cunha adhesión do electorado que oscilou entre o 83% e o 97%. O Socialistisk Folkeparti (Partido Socialista Popular) foi fundado en 1959 e dende o ano seguinte participou na vida política. Nas eleccións de 1973 produciuse un profundo cambio e acadaron escanos tres partidos de nova aparición, o Kristeligt Folkeparti (Partido Cristián Popular), fundado en 1970, o Fremskridtspartiet (Partido do Progreso), fundado en 1972, e os Centrum-Demokraterne (Centrodemócratas), fundados en 1973. A estes novos grupos engadíuselle o retorno do Danmarks Kommunistiske Parti (Partido Comunista de Dinamarca), que se fundou no 1920, e os Retsforbundet (xeorxistas), que apareceran no 1919. Dende 1973, entre o 20% e o 30% dos electores daneses cambiou o sentido do seu voto en cada unha das convocatorias electorais, pero malia estas oscilacións mantívose o reparto de escanos entre os bloques de dereitas e esquerdas no Folketing. Os grupos de extrema esquerda contan con representación parlamentaria desde o 1994 no Enhedslisten (Alianza Vermella e Verde), fundado en 1989 como coalición electoral entre varios partidos de esquerdas. En 1995 apareceu o Dansk Folkeparti (Partido Popular Danés), formado polos disidentes do Partido do Progreso. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Banca Europea para a Reconstrución e o Desenvolvemento (EBRD); Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN); Asociación Europea de Libre Cambio (EFTA); Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE); Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE); Consello do Mar Báltico; e a ONU.
Historia
O Neolítico
Os testemuños máis antigos da presenza humana en Dinamarca corresponden aos poboados de cazadores de renos, datados entre o 12500 e o 12000 a C. Despois da era glaciar, a poboación estendeuse polas rexións libres de xeo; sen embargo, durante o denominado período Atlántico (7000-3900 a C), a subida do nivel do mar provocada polo desxeo, asolagou parcialmente o territorio danés; a poboación concentrouse no novo litoral e dedicouse á pesca e caza de mamiferos mariños. A aparición da gandería ao redor do 3900 a C, seguida da agricultura (trigo e orxo), vincúlase con poboacións sedentarias, que estableceron lugares de encontro fortificados. Estes grupos ergueron tamén monumentos funerarios megalíticos, como dolmens e sepulcros de corredor, nos que inhumaban os seus defuntos acompañados de ofrendas de machados de sílex e xoias de ámbar. Entre o 2800 e o 2300 a C, produciuse unha modificación no modo de vida, testemuñada pola extensión dos cultivos e o emprego de carros para o transporte. Máis tarde xeneralizouse a utilización de ferramentas e útiles de cobre e bronce (2400-1700 a C), feito que xerou unha nova estratificación social, que se reflectiu na diversidade de enterramentos.
A Idade do Bronce (1700-500 a C) e a Idade do Ferro (500 a C-750 d C).
O incremento das terras traballadas e dos pastos, xunto coa abundancia de restos localizados, definen un territorio dominado daquela por grandes casas alongadas, habitadas polos grupos dirixentes, mentres os campesiños formaban pequenas agrupacións de vivendas ou se espallaban polo campo. A riqueza das ofrendas atopadas (cascos, armas ou xoias) vincúlase coas crenzas relixiosas, reflectidas posiblemente nos petroglifos e nas diversas esculturas. A presenza entre as ofrendas de numerosos obxectos procedentes da cultura de Hallstatt, permiten formular a hipótese da existencia de vínculos comerciais coa Europa Central. O tránsito á Idade do Ferro rexístrase arqueoloxicamente pola modificación das prácticas funerarias, nas que pasaron a predominar as cremacións; as vivendas dos campesiños, que comezaban a organizarse en aldeas, rodeáronse de muros. A división social fíxose máis marcada dende o s I d C, cando apareceron grandes explotacións gandeiras. Naquel tempo establecéronse relacións comerciais co Imperio Romano por vía marítima, o que permitiu a introdución de destacadas pezas de artesanía do mundo mediterráneo. A finais da Idade do Ferro as edificacións rurais agrupáronse para constituír aldeas. No s V apareceron as primeiras mencións aos daneses nas fontes escritas, como a Gesta Danorum, que os menciona como un pobo ou unha agrupación de tribos. A decadencia do poder merovinxio dende finais do s VII, permitiu a expansión danesa pola beira meridional do mar do Norte, e a conversión de Ribe na primeira praza de comercio danés. Nesta época iniciouse un proceso de unificación territorial baixo o poder dun monarca.
A era dos viquingos (786-1086)
Os viquingos, que emprendían viaxes en grupo na procura de botín e atacaban as costas atlánticas europeas e mediterráneas, estableceron divisións en zonas de influencia, segundo a súa orixe danesa, sueca e norueguesa. Os viquingos daneses realizaban dun xeito preferente incursións cara ao S, sobre Frisia, ao reino dos francos, ou ao S de Inglaterra. A finais do s VIII, os daneses detiveron os intentos de expansión dos francos dirixidos por Carlomagno á beira do río Eider, coa unión das tribos danesas dirixidas polo Rei Godofredo. Despois do asasinato de Godofredo (810), o reino caeu nunha loita pola sucesión na que triunfou o seu fillo Horik I. Os ataques viquingos sobre Inglaterra e Irlanda deron paso á conquista, entre o 865 e o 880, de tres dos catro reinos anglosaxóns, nos que se estableceron definitivamente. Dun xeito paralelo á conquista, desenvolveuse un importante comercio entre Dinamarca e o resto de Europa, que se centrou nas cidades de Ribe e Hedeby no s VIII, e dende o s XI nas novas cidades comerciais de Viborg, Odense ou Ringsted. A situación de inestabilidade prolongouse en Dinamarca ata finais do s IX, cando a dinastía Jelling, procedente de Suecia, dominou Hedeby. No reinado de Gorm o Vello, que se estendeu durante a primeira metade do s X, Dinamarca unificouse baixo o seu poder (934) e o seu fillo, Harald I Dente Azul (950-986), uniu Dinamarca e Normandie nun reino. Presionado polo emperador romano-xermánico Otón I o Grande, converteuse ao cristianismo (965). A finais do s X os monarcas daneses reanudaron as expedicións a Inglaterra, que remataron coa conquista do país no 1013 por Svend I Barba Partida (986-1014), quen favoreceu o establecemento de eclesiásticos de Inglaterra en Dinamarca. A política de expansión culminou con Canuto II o Grande (1018-1035), quen reuniu Dinamarca, Inglaterra e Noruega (1029). Logo da súa morte, os daneses perderon as posesións en Inglaterra, e Noruega desligouse da influencia danesa no 1047, ao finar Magnus o Bo. Despois da morte do seu sucesor, Svend II Estridsen (1047-1076), o reino repartiuse entre os seus fillos, que iniciaron unha loita polo poder.
A decadencia do poder monárquico e o reinado dos Valdemar
Logo do asasinato de Canuto IV (1080-1086) a man dos nobres daneses, produciuse un retroceso no poder da monarquía fronte á nobreza e ao clero, quen reforzou a súa autoridade despois do establecemento do arcebispado danés independente de Lund (1103). A sociedade estaba dividida nese momento en catro estamentos, identificados coa xerarquía social cristiá medieval: o poderoso clero, unha nobreza laica de grandes terratenentes xermanizados que dispuñan de exércitos propios e que se ocupaban da defensa do reino, a plebe urbana e un numeroso campesiñado. Existía ademais un importante grupo de servos, prisioneiros de guerra. As loitas entre os membros da dinastía real aspirantes ao trono continuaron durante o s XII, mentres o Sacro Imperio se converteu no grande adversario da monarquía danesa, que tivo que recoñecer a súa soberanía feudal en varias ocasións entre 1134 e 1181. En 1157 Valdemar I o Grande accedeu ao trono e emprendeu a reunificación do reino e a centralización do poder, que permitiu unha etapa de expansión polo Báltico, tras derrotar as tribos vendas e conquistar Arkona (1169). Os seus sucesores anexionaron Holstein, Estonia e a cidade de Lübeck. Os daneses viviron unha etapa de prosperidade acompañada por un incremento da poboación urbana e a aparición dunha nova clase dedicada ao comercio. Dun xeito paralelo consolidouse o poder da monarquía, que someteu a xustiza á súa autoridade, coa axuda da lei xutlandesa (1241) pola que o monarca se converteu no principal lexislador. A derrota de Valdemar II na Batalla de Bornhöved (1227) detivo a expansión báltica e trala súa morte (1241) iniciouse un período de conflitos dinásticos, nos que se produciron os asasinatos dos monarcas Erik IV Plovpenning (1250) e Erik V Klipping (1286). A inestabilidade do poder real permitiu que a nobreza e a Igrexa obrigasen o monarca danés a concederlles unha carta de privilexios, que se materializou principalmente na creación dun poderoso consello do reino (1282). O fracaso na expansión sobre o N de Alemaña, xunto cos gastos da corte, arrastraron a coroa nunha espiral de gastos crecentes, que a obrigaron á venda de posesións reais e ao endebedamento cos suecos, mentres os condes de Holstein se facían co control do reino (1332-1340). Valdemar IV (1340-1375) recuperou boa parte das propiedades da coroa en 1360, e asinou no mesmo ano un acordo que regulaba as relacións do monarca co seu pobo (Landefreden), mentres o país sufría un grave andazo de peste. Non obstante , non conseguiu vencer a competencia da Hansa e trala súa morte abriuse unha nova crise sucesoria, que rematou cando a súa filla Margarida, viúva de Haakon VI de Noruega, se fixo proclamar raíña de Dinamarca (1387); ao ano seguinte foi elixida rexente de Noruega e máis tarde apoderouse da coroa sueca.
A Unión de Kalmar
A Dieta de Kalmar recoñeceu en 1397 a unificación dos tres reinos escandinavos e decretou que os tres países quedaban sometidos á autoridade dun só soberano na persoa de Erik VII de Pomenaria, pero mentres que Noruega estivo sometida á coroa danesa ata 1814, a oposición de Suecia, aliada coa Hansa, foi constante. As aspiracións independentistas suecas estouparon por primeira vez entre 1434 e 1436, pero continuaron durante todo o s XV. A sociedade danesa recuperouse da crise do s XIV cunha expansión das explotacións agrícolas de campesiños libres, acompañada dun fortalecemento da coroa, que equilibrou as súas contas grazas ao cobro de impostos sobre o tráfico de mercadorías que pasaban polo estreito de Øresund. Tamén a alta nobreza, que xunto co clero formaba parte do consello, fortaleceu as súas posicións, mentres os burgueses e os campesiños permanecían á marxe da participación política. O monarca danés Cristián I adquiriu o ducado de Schleswig-Holstein (1460) logo de asinar un acordo cos seus nobres no que se comprometía a non separalos. No reinado de Cristián II incrementáronse os problemas cos suecos a consecuencia da crueldade do monarca danés, que ordenou a execución dun grupo de suecos opostos á Unión (1520). A consecuencia deste feito estoupou unha revolta, dirixida por Gustavo Vasa, que acadou a independencia de Suecia en 1523.
A rivalidade con Suecia
Logo do desterro de Cristián II, foi coroado o seu tío Federico. Durante o seu reinado introduciuse no país a Reforma Luterana. Trala súa morte, produciuse unha guerra civil entre os aspirantes á coroa, a Guerra dos Condes (1534-1536). Coa vitoria de Cristián III, a Hansa perdeu o dominio sobre a política interna de Dinamarca e o luteranismo converteuse na relixión oficial do reino, aceptada pola Dieta en 1536. Constituíuse unha nova igrexa nacional, instrumento da política do príncipe, que mediante a súa organización e o seu sistema de ensino difundiu entre a poboación o dogma luterano que proclamaba a santidade de toda autoridade. A nobreza, representada polo consello do reino, elixía o herdeiro da coroa seguindo as indicacións dos estamentos e interviña dun xeito destacado no goberno do país. A economía reflectía unha sociedade rural pouco evolucionada politicamente, dedicada ás exportacións agrarias, fundamentalmente cereais e gando, mentres o tesouro se beneficiaba do control do tráfico mercantil que fluía polo estreito de Øresund. O reinado de Federico II (1559-1588) iniciou un período marcado pola rivalidade con Suecia que orixinou varias guerras e enfrontamentos que se prolongaron ata 1720; o primeiro foi a Guerra Nórdica dos Sete Anos (1563-1570); os daneses volveron enfrontarse cos suecos (1611-1613, 1643-1645, 1657-1660), pero foron derrotados. Nos convenios de paz de Lübeck (1629), Bromsebrö (1645), Roskilde (1658) e Copenhaguen (1660), tiveron que asumir a perda do control sobre as augas do Báltico e dos territorios situados ao L do estreito de Øresund. A consecuencia das guerras, os daneses perderon unha cuarta parte da súa poboación e, debido á asfixiante presión fiscal para soster a actividade bélica, o consello do reino, integrado pola alta nobreza, perdeu o apoio do pobo e da burguesía, feito que conduciu á súa abolición en 1660; pouco despois proclamouse a monarquía absoluta e hereditaria.
A monarquía absoluta hereditaria
Pola Lei Real de 1665 estableceuse a autoridade real ilimitada, que se converteu na constitución da monarquía danesa. Baixo o reinado de Federico III (1648-1670) iniciouse un período reformista que continuou con Cristián V (1670-1699) e culminou con Federico IV (1699-1730): estableceuse un goberno colexiado dividido en competencias; desapareceu a vella división en estamentos; a lexislación recolleuse e organizouse nun único código, válido para todo o reino, a Lei Danesa de Cristián V (1683); unificouse o sistema de pesos e medidas, e estableceuse un catastro das terras de labor para establecer unha base impositiva homoxénea. Malia estas reformas, os grandes terratenentes conservaron un papel destacado como intermediarios entre os campesiños e a administración do Estado. Nos últimos enfrontamentos con Suecia, a Guerra de Escania (1675-1679) e a Gran Guerra Nórdica (1709-1720), Dinamarca non conseguiu recuperar as provincias de Escandia, debido á oposición das potencias europeas. Despois da paz de 1720, iniciouse un período de convivencia pacífica acompañada da recuperación económica e da colaboración fronte á ameaza dos rusos. Sobre a base dunha sólida administración, froito da favorable conxuntura da economía europea a partir do 1750 e da neutralidade de Dinamarca nos conflitos entre Francia e Inglaterra, desenvolveuse un próspero comercio marítimo e asentouse o absolutismo burocrático do s XVIII. No reinado de Federico V (1746-1766) aboliuse o réxime da gleba e produciuse un notable crecemento da economía que favoreceu a burguesía de Copenhaguen. Baixo o goberno de Cristián VII produciuse unha crise da monarquía absolutista, motivada pola incapacidade do rei, polo que se creou unha nova institución de goberno, o Consello Privado de Estado, que tutelaba o seu labor. Co acceso ao trono de Federico VI (1808-1839) afianzouse o novo sistema. A integración de Dinamarca na Alianza Armada de Estados Neutrais (1800) incrementou as tensións cos británicos e rematou co ataque do almirante Nelson sobre Copenhaguen, feito que obrigou a Dinamarca a retirarse da coalición. Os bombardeos navais de Copenhaguen polos británicos (1807) destruíron a flota de guerra danesa para que Napoleón non a puidese empregar no ataque ao comercio inglés; esta agresión facilitou a alianza de Dinamarca con Bonaparte.
A crise despois das guerras napoleónicas e a cuestión de Schleswig
Pola Paz de Kiel (1814), Dinamarca perdeu Noruega, que se uniu a Suecia, e Helgoland, pero recibiu o ducado de Lauenburg e conservou Groenlandia e Islandia. A crise económica da posguerra, motivada pola bancarrota do Estado (1813), a perda territorial e a substitución de Copenhaguen por Hamburgo como centro mercantil e financeiro, viuse agravada pola ruína da agricultura, que sufriu o gravame arancelario británico sobre as importacións de cereais, ao que se lle engadiu dende 1818 unha caída dos prezos. O comercio e a navegación sufriron tamén un estancamento, circunstancia que motivou un conxunto de reformas de carácter liberal, en particular no terreo económico e educativo. Dende 1830 iniciouse unha recuperción da crise e unha estabilización dos prezos agrarios, procesos que favoreceron o comercio e permitiron o inicio da industrialización. Durante o reinado de Cristián VIII (1839-1848), as aspiracións liberais non atoparon unha saída, malia que a monarquía absoluta se volvera moi impopular. O seu sucesor, Federico VII (1848-1863), aceptou un proxecto liberal para modificar a constitución, presentado polo goberno, polo que se mantiña a separación entre o reino de Dinamarca e os ducados de Schleswig-Holstein. A nova lexislación establecía un parlamento bicameral, integrado polo Folketing e o Landsting. O estoupido da Revolución de 1848 en París orixinou unha reacción separatista nos ducados, inspirada e apoiada por Prusia, que desembocou nun enfrontamento bélico entre os dous reinos (1848-1851). A guerra con Prusia rematou sen alteracións nas fronteiras, grazas a un acordo que foi ratificado polo Reino Unido, Francia, Rusia, Noruega e Suecia na convención de Londres (1850); sen embargo, a rebelión permaneceu activa ata un ano despois. Co ascenso ao trono de Cristián IX (1863-1906) volveu tentarse a adhesión de Schleswig ao reino, para o que se adoptou unha constitución conxunta, que separaba a Holstein. Estas medidas outorgáronlle a Prusia un pretexto para unha intervención armada, na que derrotou a Dinamarca (1864), que polo Tratado de Viena cedeu Schleswig, Holstein e Lauenburg.
O proceso de modernización
A consecuencia da perda dos ducados, o territorio danés reduciuse case nun tercio; o goberno nacional-liberal foi responsabilizado da derrota e abandonou o poder. A constitución conxunta de Dinamarca e Schleswig foi substituída polos conservadores, que promulgaron unha nova constitución o 28 de xullo de 1866. O novo ordenamento estableceu dúas cámaras lexislativas: o Folketing, elixido por sufraxio universal, e o Landsting, no que os grandes terratenentes e a alta burguesía tiñan unha influencia decisiva. Estendéronse as áreas de cultivo polo páramo e reorientouse a produción agrícola cara á especialización gandeira; e incentivouse a creación de explotacións en réxime de cooperativa. Simultaneamente, impulsouse a industrialización, que contribuíu a acelerar o proceso de urbanización e o xurdimento dunha clase obreira urbana, no seo da cal naceron as primeiras organizacións sindicais. Os nacional-liberais constituíron o Højre (Partido da Dereita), que integraba os elementos conservadores, mentres que os grupos de esquerdas se reuniron na Det Forenede Venstre (Esquerda Unida) que acadou a maioría no Folketing en 1872. Malia todo, a dereita conservou o goberno, aínda que se incrementou a tensión política entre 1875 e 1894. Dos primeiros movementos obreiros destacou o socialista, fundado por Louis Pio en 1871, quen formou unha unión sindical con diversas seccións profesionais e un partido político, a futura Socialdemocracia. Logo de diversos enfrontamentos coas autoridades, o sindicato viuse inmerso nunha crise, pero a partir de 1880 reorganizouse e no 1884 contou por primeira vez con representantes no Folketing. Malia os bos resultados, a esquerda non puido acadar o poder e viuse debilitada por conflitos internos entre moderados e radicais. En 1891 aprobáronse un conxunto de leis sociais e en marzo de 1894 chegouse a un acordo entre as forzas moderadas. En 1901 os conservadores foron derrotados polo Partido Reformista Liberal. En 1915 revisouse a constitución, que lles outorgou os mesmos poderes ás dúas cámaras e concedeulles o dereito de sufraxio activo ás mulleres, aos criados e aos peóns rurais. A reforma incluíu a instauración de tribunais populares e o reparto de terras. Como consecuencia desta profunda transformación das institucións políticas, Dinamarca converteuse nunha das democracias parlamentarias máis avanzadas.
A Primeira Guerra Mundial e a crise da posguerra
Cristián X subiu ao trono en 1912 e durante o seu reinado o goberno e o parlamento desenvolveron un sistema regulador para todos os ámbitos socioeconómicos (política de prezos, de abastecementos e de distribución), que se aplicou na Primeira Guerra Mundial. Dinamarca mantivo a neutralidade e beneficiouse da posibilidade de comerciar durante o conflito, pero tivo que adaptarse en boa medida aos desexos dos alemáns. A importancia estratéxica das Antillas danesas despertou o interese dos EE UU, que as mercou o 1 de abril de 1917. Debido á neutralidade que mantivera na Primeira Guerra Mundial, adheriuse á Sociedade de Nacións dende a súa fundación (1920). Tralo conflito, en aplicación do Tratado de Versailles, Dinamarca recuperou a parte setentrional do Schleswig, logo da celebración dun plebiscito no que triunfou esa opción coas tres cuartas partes dos votos a favor. O descontento dos movementos nacionalistas daneses, coma o Dannevirke, que pretendían unha maior recuperación territorial, e dos grupos de dereitas, que amosaron a súa oposición á política reguladora do goberno, reflectiuse nun ataque ao goberno e a presión ao monarca. O 29 de marzo de 1920 Cristián X destituíu o goberno, pero a oposición conxunta dos radicais, os socialdemócratas e do movemento obreiro, forzaron as negociacións das que saíu un goberno provisional que convocou eleccións en abril de 1920. O novo goberno, formado polo Venstre (Partido Liberal) e apoiado polo Det Konservative Folkeparti (Partido Conservador Popular), enfrontouse á crise da posguerra que afectou aos principais sectores da economía (gandería e industria) e se viu amplificada polo caos no sector bancario, coa quebra en 1922 do principal banco danés, o Landmandsbanken. Durante a década de 1920 a taxa de desemprego medrou e a conflitividade laboral experimentou un alza, que xunto coa desvalorización da moeda danesa, provocou un cambio de goberno nas eleccións de 1924. Os socialdemócratas, liderados por Thorvald Stauning, formaron goberno e, malia a crise, emprendeuse unha reforma das estruturas agrícolas e industriais. O goberno de coalición, formado polos socialdemócratas e os radicais, triunfou nas eleccións de abril de 1929 e tivo que enfrontarse á crise da economía mundial, que chegou a Dinamarca con certo retraso. A agricultura sufriu as consecuencias dos problemas da exportación e dos endebedamentos dos campesiños, mentres que a quebra das industrias e do comercio orixinou en 1932 taxas de paro do 40%. O goberno aplicou un conxunto de medidas para saír da crise, asinou acordos comerciais co Reino Unido e Alemaña, fundou a Central de Divisas para dirixir a economía exterior (1932) e, co paso do tempo, subscribiu un pacto con todos os partidos para a intervención estatal na economía. O goberno concluíu un acordo cos liberais do Venstre en 1933, no que se incluía a prolongación por lei do convenio laboral, unha desvalorización da coroa e a aprobación dunha axuda para diminuír os efectos da crise na agricultura. No mesmo ano aprobouse a Reforma Social, que establecía unha simplificación da lexislación e das taxas das axudas sociais. Durante a década de 1930, a política exterior estivo dominada polas medidas emprendidas para garantir a súa seguridade fronte a Alemaña. Ante as negativas de axuda do Reino Unido, tentou establecer lazos de unión cos países escandinavos, que concluíron coa sinatura dun acordo (1937) e que permitiu mellorar a preparación do seu exército. Non obstante , non se puido establecer unha política conxunta de seguridade e Dinamarca asinou un acordo de non-agresión con Alemaña en 1939.
A ocupación alemá na Segunda Guerra Mundial
No momento do inicio das hostilidades, en setembro de 1939, Dinamarca proclamou a súa neutralidade e adoptou as medidas económicas necesarias para axustarse á guerra. O súbito ataque alemán, o 9 de abril de 1940 (un ano despois da sinatura do pacto de non-agresión), permitiu unha rápida ocupación co pretexto de prever un ataque británico inminente. Os británicos reaccionaron coa invasión das Illas Feroe (12.4.1940) e a incautación da maior parte da flota mercante danesa. Malia a ocupación, Alemaña respectou a independencia política de Dinamarca, que conservou o seu sistema administrativo e educativo, un goberno de coalición, os sindicatos, a policía e o exército. A cambio, os daneses sufriron unha limitación dos seus dereitos e liberdades, como a de reunión e de opinión, así como o establecemento das tropas alemanas, que aseguraban as comunicacións coas súas bases militares en Noruega. Durante o conflito Alemaña absorbeu a produción agraria de Dinamarca, mentres a estabilidade dos intercambios favorecía a economía danesa, que viu como o paro descendía grazas ás obras emprendidas polos xermanos. O goberno danés contribuíu á ofensiva alemá sobre a URSS cunha unidade que combateu ao carón dos alemáns, a Frikorps Danmark, e prohibiu as actividades do Danmarks Kommunistiske Parti (Partido Comunista de Dinamarca). As accións de sabotaxe emprendidas dende abril de 1942, dirixidas por elementos comunistas e do Det Konservative Folkeparti, erosionaron as relacións cos alemáns. A tensión medrou coa chegada de paracaidistas británicos (axudados polo Partido da Reunificación Danesa) a finais de 1942. Despois das eleccións de marzo de 1943, nas que se acadou a máxima participación da historia, produciuse un aumento no número de sabotaxes e folgas. En agosto de 1943 produciuse unha folga xeral na industria e no comercio organizada polos comunistas en dezasete cidades. A consecuencia desta revolta, os alemáns desarmaron o exercito danés, declarouse o estado de excepción e o goberno, que pasou a ser controlado polos nazis, adoptou un carácter represivo. A mediados de setembro creouse o Frihedsradet (Consello Danés da Liberación), que integraba entre os seus membros a comunistas e nacionalistas de dereitas; a finais de 1943 comezaron a operar grupos militares nos que se integraron oficiais do exército licenciados, que emprenderon importantes accións de sabotaxe (ataques ás instalacións ferroviarias, aos barcos e ás industrias que traballaban para Alemaña). Dende xuño de 1944 produciuse un achegamento entre o Frihedsradet e os políticos, polo que dende esa data obtiveron financiación da facenda pública. A comezos de 1945, os membros da resistencia danesa chegaron a 20.000, malia sufrir unha campaña de asasinatos dirixidos polo exercito alemán en represalia polas sabotaxes. Os alemáns capitularon fronte aos ingleses o 5 de maio de 1945.
A posguerra e o estado do benestar
Despois da liberación, Dinamarca conseguiu o estatuto de aliado e membro fundador da ONU. As décadas posteriores á guerra caracterizáronse pola estabilidade política establecida sobre os antigos grupos: socialdemócratas, liberais, conservadores e radicais. Nas eleccións ao Folketing de outubro de 1945, os comunistas e os liberais do Venstre acadaron uns importantes resultados, que contrastaron co retroceso socialdemócrata. O Venstre formou goberno, pero axiña, en 1947, perdeu o poder ao prosperar unha moción de censura contra o seu primeiro ministro Knud Kristensen. A socialdemocracia mellorou os resultados nas novas eleccións de 1947 e gobernou en minoría xunto cos liberais. Nese ano restableceuse a monarquía constitucional, cando Federico IX sucedeu o seu pai. A chegada das axudas do Plan Marshall (1948) permitiu a recuperación e modernización do sector agrícola, xunto cun importante desenvolvemento da industria dende mediados da década de 1950. Logo da devolución das Illas Feroe polo Reino Unido, Dinamarca concedeulles unha ampla autonomía e a presenza de dous representantes no Folketing (1948), pero conservou as atribucións en materia de defensa e política exterior. O inicio da Guerra Fría, que supuxo a división de Europa en dous bloques, fixo que Dinamarca rompera a súa tradicional neutralidade e se integrase na OTAN en 1949. En 1953, un goberno de liberais e conservadores dirixido por Erik Eriksen, aprobou unha reforma da constitución que foi ratificada en plebiscito: o parlamento volveu ser unicameral, o Folketing, de 179 membros; a idade electoral reduciuse aos 23 anos; aboliuse a Lei Sálica, polo que a liña feminina foi recoñecida na sucesión ao trono. En 1954 creouse a institución do Ombudsman (Valedor do Pobo), para controlar a suxeición á lei das administracións nacional e local, e defender o cidadán fronte a posibles abusos dos poderes públicos. Despois da reforma da constitución, os socialdemócratas gobernaron en minoría baixo a presidencia de Hans Hedtoft, co apoio dos radicais ata 1955, cando foi sucedido por H. C. Hansen, que formou unha coalición maioritaria formada polos socialdemócratas, o Partido Radical e os xeorxistas (Retsforbundet). O programa político da socialdemocracia, deseñado a finais da Segunda Guerra Mundial, baseábase no principio de que todos os cidadáns tiñan dereito a recibir servicios en todos os ámbitos e non só aqueles máis necesitados. O seu desenvolvemento tivo que agardar ata mediados da década de 1950, cando mediante sucesivas coalicións no Folketing, se aprobaron un conxunto de medidas entre as que se incluían unha pensión de vellez (1956), o réxime de salarios en caso de enfermidade (1960), un seguro de invalidez (1965) e un incremento nos subsidios por desemprego, xunto cunha lei sobre a seguridade social (1970). En 1958 iniciouse un crecemento da economía derivado do aumento na produtividade da industria e da agricultura e, sobre todo, rexistrouse un incremento de traballadores na administración pública e nos servicios en xeral. En 1959 foi membro fundador da Asociación Europea de Libre Cambio (AELC). Ingresou na Asociación Europea de Libre Comercio (EFTA) en 1960. Despois dun prolongado dominio na política danesa, os socialdemócratas perderon as eleccións de 1968 logo dunha crise económica acentuada pola devaluación da libra esterlina, e Hilmar Baunsgaard, liberal radical do Det Radikale Venstre, formou unha coalición de goberno. Os socialdemócratas, dirixidos polo expresidente Jens Otto Krag, recuperaron o poder en 1971.
A crise do petróleo e as novas forzas políticas
En 1972 morreu o Rei Federico IX e sucedeuno a súa filla Margarida II. O país atopouse con dificultades para manter as exportacións de produtos agrícolas á República Federal de Alemaña; Dinamarca solicitou a súa incorporación á Comunidade Económica Europea (CEE), que se produciu o 1 de xaneiro de 1973. A crise do petróleo de 1973 afectou á economía danesa e os seus índices de desemprego chegaron ao 14%. As eleccións parlamentarias de 1973 supuxeron un cambio no sistema tradicional de forzas políticas coa aparición de tres novos partidos: o Kristeligt Folkeparti (Partido Cristián Popular), o Fremskridtspartiet (Partido do Progreso) e os Centrum-Demokraterne (Centrodemócratas). O partido socialdemócrata sufriu unha derrota nestas eleccións fronte ao Fremskridtspartiet e aos Centrum-Demokraterne. Ata 1982 a situación de desemprego, o estancamento económico e unha importante inflación, provocaron unha sucesión de efémeros gobernos de coalición presididos polos socialdemócratas. En novembro de 1978, o Folketing aprobou un proxecto de autonomía para Groenlandia, semellante ao que tiñan as Illas Feroe, que foi ratificado nun referendo en xaneiro de 1979. O goberno socialdemócrata que xurdiu das eleccións anticipadas de 1981, dimitiu en 1982 e formouse un novo goberno minoritario de dereita integrado por centro-demócratas, popular-cristiáns, conservadores e liberais, presidido por Poul Schlüter. Malia que non acadou a maioría no parlamento, Schlüter permaneceu no poder tralas eleccións de 1984 e 1987. O goberno conservador amosou a súa resistencia a profundar na integración europea; Dinamarca opúxose en solitario á aprobación da Acta Única Europea (1986), e mesmo convocou un referendo para decidir a súa continuidade na CEE. Schlüter atopou unha grande oposición no Folketing cando aumentou a implicación danesa coa OTAN. Entre outros problemas económicos, tivo que enfrontarse cun aumento importante do desemprego e da débeda pública. A raíz dos desacordos cos socialdemócratas sobre estes temas, Schlüter convocou eleccións anticipadas en 1990, que o confirmaron no cargo e, seguidamente, devaluou a coroa (1991) e aumentou o IVE nun 25% (1992).
A volta dos socialdemócratas
O primeiro ministro socialdemócrata Poul Nyrup chegou ao poder en 1993, trala caída do goberno liberal-conservador de Schlüter polo escándalo da violación das leis de refuxiados. Rasmussen resultou vencedor nas eleccións de 1994, e acadou a maioría parlamentaria mediante alianzas con grupos da esquerda e cos radicais do Det Radikale Venstrel. En 1993 o pobo danés aprobou finalmente o tratado da constitución da Unión Europea (UE) de Maastricht, logo de rexeitalo o ano anterior, coa condición de que o seu país non se integrara na Unión Económica e Monetaria. Durante 1994 o crecemento económico do país chegou ao seu punto máis alto. Unha brusca detención do crecemento en 1995 e 1996 provocou unha redución da extensa cobertura de prestacións sociais, feito que segundo os analistas, permitiu a recuperación do emprego. En 1996, Dinamarca mantivo unha disputa con Islandia polo dereito á pesca no estreito entre Groenlandia e Islandia. Nas eleccións locais de novembro de 1997, o Partido do Pobo Danés (PPD), escindido do Fremskridtspartiet, superou o 6% dos votos en Copenhaguen; o seu líder, Pia Kjærsgaard, baseou a súa campaña no perigo que representaban os inmigrantes do Terceiro Mundo para o seu país. Nas eleccións anticipadas do 11 de marzo de 1998, a coalición gobernante socialdemócrata conservou a maioría pola marxe dun escano (90 dos 179 escanos). O 28 de setembro de 2000 os daneses rexeitaron en referendo a adhesión á Unión Económica e Monetaria, e un 53% da poboación votou en contra da integración na moeda única (euro).