dinámica

dinámica

(

  1. [FÍS]
    1. s f

      Rama da mecánica que estudia o movemento dos corpos en relación coas forzas que o producen. Malia que a miúdo se diferenza entre dinámica e estática, a separación entre estas dúas ramas da mecánica non é estrita. As formulacións da dinámica débense a Galileo, Huygens e Newton. As tres leis de Newton, que serven de base á dinámica clásica son: a lei da inercia, a lei fundamental do movemento e a lei da acción e da reacción. En 1743 D’Alembert enunciou por primeira vez o principio dos traballos virtuais, base sobre a que se tentou unificar a estática e a dinámica. Lagrange elaborou unhas ecuacións xerais do movemento. Hamilton fixo o estudo xeral dos sistemas dinámicos mediante as ecuacións canónicas ou de Hamilton. Outro punto de partida na formulación clásica da dinámica é o principio da mínima acción. A finais do s XIX as ideas clásicas entraron en crise e apareceron as teorías da relatividade e da mecánica cuántica.

    2. método de dinámica molecular

      Método de simulación que consiste nunha solución numérica das ecuacións de movemento por un sistema de N partículas interactuantes. Os primeiros estudios de dinámica molecular realizáronos B. J. Alder e T. E. Wainwright en 1957. En 1964 A. Rahman e en 1967 L. Verlet estenderon este estudio a sistemas con potenciais de interacción continuos.

  2. s f [FÍS]

    Relación entre os niveis máximo e mínimo dunha magnitude electroacústica, xeralmente, o nivel de son dun fragmento musical ou dun conxunto de sons, palabras, etc. Habitualmente mídese en dB.

  3. s f
    1. Maneira en que se desenvolve unha actividade tendo en conta as forzas que a determinan.

      Ex: A obra deste pintor é de dinámica realista como se pode apreciar polas formas.

    2. Conxunto de forzas que interactúan e producen cambios dentro dunha estrutura en desenvolvemento.

      Ex: A dinámica dos acontecementos desembocou nunha rebelión.

  4. dinámica atmosférica [CLIMAT]

    Conxunto de todos os mecanismos dinámicos que dunha maneira ou doutra dirixen a circulación xeral atmosférica e participan nela. Na Antigüidade críase que os factores térmicos gozaban dun predominio exclusivo; esta teoría foi desbotada por outra que considera xustamente os factores de tipo dinámico como os que teñen un papel primordial á hora de rexer a circulación, e que o reparto horizontal das temperaturas en gran parte da atmosfera é a consecuencia, e non a causa, desta circulación xeral. Segundo a teoría de C. G. Rossby, a enerxía inicial para a circulación dentro da atmosfera prodúcese polos mecanismos que determinan as diferentes situacións da fronte polar e das correntes en chorro. O continuo mantemento destas correntes, non explicable por razóns térmicas, pode deberse ás rexións transparentes da atmosfera, onde a absorción de enerxía da radiación solar é practicamente nula. Constitúe un proceso dinámico completo e inacabable. Dentro deste proceso, a curvatura da Terra e o seu movemento de rotación teñen un papel moi importante.

  5. dinámica de grupo [PSIC/SOCIOL]

    Rama da psicoloxía social que trata sobre ao estudio teórico e experimental da formación e evolución dos grupos pequenos, coa finalidade de modificar o seu funcionamento como conxunto, e a personalidade dos membros. Aplícase á dinámica de grupo en psicosocioloxía e en pedagoxía, a miúdo na forma dos chamados training groups. Unha personalidade destacada dentro deste campo é Kurt Lewin, que en 1945 creou o Research Center for Group Dinamics.

  6. dinámica de poboacións [ECOL]

    Estudio do conxunto de procesos que determinan a variación temporal do número de individuos e a composición nas poboacións de plantas e animais nunha comunidade natural, así como os factores que controlan esas variacións. Os factores que afectan a unha poboación poden ser dependentes da densidade da poboación, como a cantidade de alimento dispoñible, ou independentes, como os factores climáticos ou os edáficos.

  7. dinámica económica [ECON]

    Rama da análise económica que estudia a acción das variables económicas no tempo. Diferénciase da análise estática e da estática-comparativa, en que investiga o proceso que seguen as diversas variables ata a posición de equilibrio. A moderna análise dinámica ampliouse a aqueles procesos nos que non hai unha posición de equilibrio. Para a formalización de modelos económicos dinámicos, os valores das variables dependen dos valores actuais doutras variables e dos correspondentes aos períodos anteriores e posteriores.