dinamarqués -sa

dinamarqués -sa

(< topónimo Dinamarca)

    1. adx

      Relativo ou pertencente a Dinamarca, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. s

      Natural ou habitante de Dinamarca.

  1. [ZOOL]
    1. adx

      Relativo ou pertencente á raza dinamarquesa de cans.

    2. raza dinamarquesa

      Raza de cans que, malia o nome, non é orixinaria de Dinamarca. Os cans desta raza teñen o corpo robusto, esvelto e elegante; a súa cabeza é longa e acaba nun fociño aplanado, as orellas son pequenas e ergueitas, e a cola longa. O seu pelame é curto e de cor variable. Hai dúas especies segundo o talle. O de máis talle tamén se coñece co nome de gran danés ou dogo alemán.

  2. [ZOOL]
    1. adx

      Relativo ou pertencente á raza dinamarquesa de porcos.

    2. raza dinamarquesa

      Raza de porcos caracterizada pola lonxitude do seu corpo, as grandes dimensións dos pernís e o predominio do magro sobre o graxo. Teñen patas curtas, fociño longo e orellas grandes e horizontais. Tamén se lle chama raza de Landrace.

  3. s m [LING]

    Lingua pertencente á familia lingüística xermánica do subgrupo setentrional (ou escandinavo) do phylum indoeuropeo, falada en Dinamarca e, como forma dialectal, nas provincias suecas de Sk<ne, Halland e Blekinge. Os principais trazos que a caracterizan e a diferencian do resto das linguas escandinavas son a simplificación dos antigos ditongos (trazo que comparte co sueco), coma nos termos sten (‘pedra’), øje (‘ollo’), fronte ao noruegués stein, auga; a sonorización das oclusivas xordas intervocálicas, como gabe (‘bocexar’), aede (‘comer’), kage (‘galleta’), que en sueco mantén o enxordecemento (gapa, <ta, kaka); o debilitamento ou a caída das vocais átonas, como en borger (‘burgués’), skomager (‘zapateiro’), fronte ao sueco borgare, skomakare; stød, ou o golpe da glote, fronte ao acento musical do sueco e do noruegués. Despois do período viquingo, o dinamarqués foi o primeiro en perder a relativa unidade do escandinavo, lingua común da que derivan as falas escandinavas. Os seus trazos, que se desenvolveron durante os ss XIII e XIV, fixeron dela a lingua máis evolucionada desta familia. A influencia do baixo alemán notouse no desenvolvemento da Hansa, pero a partir de finais da Idade Media a corte de Dinamarca adoptou como lingua o alemán. Deste modo, o danés mantívose como unha lingua pouco cultivada, sen unha ortografía fixada e con abundantes formas dialectais, ata a primeira metade do s XVIII, cando Ludwing Holberg (1684-1754) asentou as bases para unha regularización e codificación do dinamarqués moderno, traballo continuado por F. C. Elischow e J. S. Sneedorff. Durante o s XIX, desenvolveuse como unha lingua estándar.

  4. arte dinamarquesa [ARTE]

    Arte desenvolvida polo pobo dinamarqués. As primeiras manifestacións artísticas que se conservan pertencen á Idade do Bronce, como o carro de Trudholm. No s II a C Xutlandia entrou na órbita celta, período do que se conserva o caldeiro de Gundestrup, pero a definición da súa personalidade orixinouse cos viquingos; consérvase a pedra esculpida de Jelling do s X, cunha mensaxe cristiá, aínda que nunha linguaxe formal viquinga. As primeiras mostras arquitectónicas son os campamentos militares de Trelleborg, Aggersborg e Fyrkat, de principios do s XI. Coa cristianización comezou a construción de igrexas, primeiro en madeira e despois en pedra. A arte medieval caracterizouse por un arcaísmo de raíces bizantinas coa creación de altares con recheos de ouro (Lisbejerg, 1150?) e de abundantes frescos nas igrexas dun estilo románico que tende ao gótico lineal (Maalov, 1200?; Ørselv, 1350?; Tirsted, 1400?; Rynkeby, 1562). Destacan as catedrais románicas de Ribe e de Roskilde (s XII) e a igrexa gótica de Sankt Knud de Odense (ss XIII-XIV), exemplo do emprego do ladrillo que se introduciu cara ao 1160. Nos ss XV ao XVII traballaron no país numerosos artistas estranxeiros, entre eles os escultores Claus Berg (1475-1535), alemán, e Cornelis Floris (1514-1575), flamengo. Melchior Lorck (?-1588?) foi o primeiro debuxante e gravador de certa importancia nado en Dinamarca, aínda que desenvolveu a súa carreira fóra do país. A reforma supuxo a fin do predominio da arte relixiosa e a conversión de reis e príncipes en promotores da arte. Entre outras construcións destacan o castelo de Kronborg, construído por Antonius van Opbergen (1543-1611), e o castelo de Frederiksborg (1602-1620), obra do flamengo Hans van Steewinckel o Vello (1550-1601?). Cristián IV desenvolveu un programa urbanístico que incluíu, entre outros, o edificio da Bolsa (1619-1640) e a Torre Redonda (1637-1642) de Copenhaguen. Entre as mostras da arquitectura barroca sobresaen o palacio de Charlottenborg, a Vor Frelser Kirke (1682-1696) de Copenhaguen, obra de Lambert van Haven (1630-1695), e o palacio de Christianborg, iniciado polo arquitecto alemán Elias David Häusser (1687-1745). O barroco italo-flamengo, introducido de xeito tardío polo escultor Thomas Quellinus (1661-1709), deu paso ao rococó do afrancesado N. Eigtved (1701-1754) co deseño urbanístico do barrio de Amalienborg (1750-1755), do pintor Carl Gustav Pilo (1711-1793), e das manufacturas de porcelana de Copenhaguen, establecida en 1772. A fundación da Kunstakademiet (1754), onde foron profesores os pintores Jean Juel (1745-1802) e N. A. Abildgaard (1743-1809), impulsou a aparición de valores autóctonos, como o pintor C. W. Eckersberg (1783-1853) e o escultor Bertel Thorvaldsen (1770-1844), o primeiro artista dinamarqués de relevancia internacional. A placidez de Christen Købke (1810-1848), as escenas da vida artística de Vilhelm Bendz (1804-1831), os retratos de C. A. Jensen (1792-1870) e os de C. C. Hansen (1804-1880), son mostras dun romanticismo sosegado. Paisaxes plenamente románticas son as de P. C. Skovgaard (1817-1875) e T. Lundbye (1818-1848). Na arquitectura, o francés N. H. Jardin (1720-1799) introduciu o neoclasicismo; entre os seus discípulos destacou C. F. Harsdorff (1735-1799), autor da columnata de Amalienborg (1794). Outros arquitectos salientables foron C. F. Hansen (1756-1845), autor da Vor Freu Kirke (1826) e do novo palacio de Christiansborg (1828), e M. G. Bindesbøll (1800-1856), autor do museo Thorvaldsen, con frescos nos exteriores. Na segunda metade do s XIX destacaron J. D. Herholdt (1818-1902), representante dunha corrente nacional que empregou o ladrillo e o ferro, entre outras obras, na Universitetsbiblioteket de Copenhaguen (1861), e Ferdinand Meldahl (1827-1908), representante dunha corrente máis internacional e que rematou as obras do Mamorkirken, antigo Frederikskirken, en 1894. O historiador da arte N. L. Høyen (1798-1870) impulsou o nacionalismo artístico ao establecer a busca de motivos artísticos na propia Dinamarca e non en Italia como sucedía ata entón. Destacaron, entre outros, os pintores C. Dalsgaard (1824-1907), J. J. Exner (1825-1910) e F. Vermehren (1823-1910), retratistas da vida popular. Non obstante , trala Exposición Universal de 1878 abandonouse o illamento de carácter nacional e os artistas comezaron a realizar viaxes ao estranxeiro, sobre todo a París. P. S. Krøyer (1851-1909) e L. Tuxen (1853-1927) cultivaron a pintura realista e Anna Ancher (1859-1935), da escola de Skagen, e Theodor Philipsen (1840-1920) aproximáronse ao impresionismo. L. A. Ring (1854-1933) e Vilhelm Hammershøi (1864-1916) realizaron unha obra a medio camiño entre o realismo e o simbolismo mentres que J. F. Willumsen (1863-1958) introduciu o simbolismo en Dinamarca, ao tempo que organizou a Den Frie Udstilling, exposición libre creada fronte á censura dos salóns oficiais de Charlottenborg. Á beira desta exposición xurdiron os pintores da illa de Fionia, como Peter Hansen (1868-1928), Johannes Larsen (1867-1961) e Fritz Syberg (1862-1939), situados nun naturalismo de corte realista que se enfrontou aos pintores de inspiración histórica, como Agnes (1862-1937) e Harald Slott-Møller (1864-1937). O cubismo introduciuno Vilhelm Lundsrtøm (1893-1950) cos seus cadros de embalaxe. No surrealismo destacaron W. Freddie (1909-1995) e V. Bjerke-Petersen (1909-1957). Trala Segunda Guerra Mundial, Asger Jorn (1914-1973) foi un dos creadores do grupo COBRA (París, 1948). No ámbito da arte non figurativa destacaron o pintor Richard Mortensen e o escultor Robert Jacobsen (1912-1993). A finais dos anos cincuenta desenvolveuse unha corrente expresionista figurativa representada polo pintor e escultor Svend Wiig Hansen (1922-1997). En 1961 fundouse como alternativa á academia de Belas Artes a Eks-skolen, á que acudiron, entre outros, Per Kirkeby (1938), Bjørn Nørgaard (1947) e Poul Gernes (1925-1966). As novas correntes xurdidas no panorama artístico internacional dende 1960 tiveron o seu reflexo nas novas xeracións de artistas: Niels Strøbek (1944) representa o hiperrealismo e Stig Brøgger (1941) e Mogens Møller (1934), entre outros, a arte conceptual e o minimalismo. No ámbito da escultura cómpre subliñar a Morten Stræde (1956), Henrik B. Andersen (1958) e J. H. Sørensen (1934). No ámbito da arquitectura, o s XX comezou cunha corrente clasicista representada polo Museo de Faaborg (1915) de Carl Petersen (1874-1923). Cara a 1930 introduciuse o formalismo racionalista da man de Mogens Lassen (1901-1987). Trala Segunda Guerra Mundial, a arquitectura dinamarquesa participou do Movemento Moderno americano, representado por Arne Jacobsen (1902-1971). Nos anos sesenta empregáronse os elementos prefabricados na construción de edificios de grande altura que tiveron grandes críticas. A construción do conxunto residencial de Tinggården (1978) supuxo a ruptura coa tendencia anterior e o inicio do posmodernismo. Cómpre destacar a proxección dos arquitectos dinamarqueses fóra do seu país; entre outras obras destacan a ópera de Sidney (1957-1973), de Jørn Utzon (1918); o Museo de Arte Nordrhein-Westfalen de Düsseldorf (1986), do estudo Dissing+Weitling; o Museo Nacional de Bahrein (1989) do estudo KHR AS; e o arco da Défense de París (1989), de J. O. von Spreckelsen (1929-1987).

  5. cine dinamarqués [IMAX]

    Cine realizado en Dinamarca. Ata 1920, cando a competencia de Hollywood se fai sentir en Europa, a cinematografía dinamarquesa foi unha das máis importantes do vello continente. O seu abandeirado foi Ole Olsen. Os realizadores dinamarqueses foron os primeiros en levar á pantalla toda unha serie de temas e prácticas amorosas que escandalizaron os contemporáneos; crearon tamén a mítica figura da muller fatal (vamp). O cine dinamarqués ofreceu dous grandes directores: Benjamin Christensen (Heksen, 1918-1921) e Carl Theodor (Dreyer). A principios dos anos oitenta, o goberno favoreceu as producións autóctonas, que acadaron unha calidade moi elevada, como amosan a Palma de Ouro e o Oscar outorgados en 1988 a Pelle Erobreren (Pele o conquistador) de B. August; o Oscar, a Babettes Gaestebud (O festín de Babette), de G. Axel, obtido tamén no mesmo ano; e a Palme d’Or de Cannes a Den goda viljan (As mellores intencións, 1992) de B. August.

  6. literatura dinamarquesa [LIT]

    As inscricións rúnicas constitúen os testemuños escritos máis antigos, aínda que non conteñen literatura no sentido estricto da palabra. Xeralmente, son epitafios de guerreiros que ás veces inclúen conxuros, palabras rimadas ou nomes de deuses e persoas. Na Idade Media escribíronse dúas obras capitais da literatura dinamarquesa en latín: Gesta Danorum (Proezas dos dinamarqueses, 1200?), de Saxo, e Hexaëmeron (Os seis días), obra comezada por Anders Sunesen cara ao ano 1200 e continuada ata a súa morte en 1228, e publicada en 1892. Paralelamente, as cancións populares de tradición oral en lingua vulgar constitúen a principal mostra literaria desta época. Entre os ss XIII e XV floreceron os romances e durante os ss XVII e XVIII escribíronse un gran número de salmos, dos que destacan os de Thomas Kingo, Hans Adolph Brorson e Elias Naur. Un dos documentos máis salientables é Jammers Minde (Recordos da miseria), de Leonora Cristina, filla de Cristián IV. A partir do s XVIII a literatura dinamarquesa viuse influída pola visión da burguesía como clase ascendente. Destacaron Ludvig Holberg, creador das bases da tradición teatral dinamarquesa, Johan Herman Wessel e Johannes Ewald. A principios do s XIX entrou a influencia do romanticismo alemán e o escritor representativo deste momento é o poeta e autor teatral Adam Oehlenschläger. Na segunda e terceira década do século destacan, entre outros autores, Hans Christian Andersen, Stenn Steensen Blicher, Mëir Aron Goldschmidt e Søren Kierkegaard. Contra o ano 1880 agromou unha nova corrente literaria e entrou en escena un radicalismo cultural vinculado cos conflitos políticos, que derivou nun naturalismo para, posteriormente, pasar a un realismo tardío inspirado no existencialismo de Nietzsche que introduciu Georg Brandes en Dinamarca. Autores destacados son Henrik Pontoppidan (Premio Nobel de Literatura 1917), Amalie Skram e Herman Bang. Johannes V. Jensen, narrador e poeta (Premio Nobel de Literatura 1944), foi o renovador da literatura do s XX e xunto a el destacan, entre outros, Kaj Munk e Karen Blixen (Isak Dinesen). A revista Heretica, liderada por Martin A. Hansen, constituíu un elemento importante na vida literaria dinamarquesa, xa que aglutinou algúns dos escritores máis destacados do momento baixo a bandeira do modernismo. Nos anos cincuenta e sesenta hai un contraste entre a novela psicolóxica con tendencia ao absurdo (P. Seeberg e V. Sørensen) e a novela realista e psicolóxica (E. Aalbaek Jensen, W. August Linnemann, L. Panduro, H. Stangerup, C. Kampmann, A. Bodelsen, A. Ladegard e K. Holst); na década dos oitenta e noventa cómpre salientar a obra de Per Hultberg, Dorrit Willumsen, Michael Strunge e Ib Michael. 

  7. música dinamarquesa [MÚS]

    Os testemuños musicais máis antigos son uns cornos en espiral que proveñen da Idade de Bronce. Co cristianismo, o repertorio litúrxico do canto ampliouse con himnos e secuencias do s XII e con cantos populares (Folkevisen) creados entre os ss XIII e XVI. A corte de Cristián IV (1588-1648) foi un centro musical onde traballaron John Dowland, oriúndo de Inglaterra, e numerosos músicos franco-flamengos. Desta época destacan, entre outros músicos, Mads Hak, Melchior Borchgrevinck e Hans Nielsen. No s XVII sobresae o legado dos teóricos Hans Mikkelsen Ravn, autor de Heptachordum Danicum (1646), Mathias Schachts, autor de Musicus Danicus (1687), e Dietrich Buxtehude, que traballou en Alemaña e supuxo a culminación da escola alemá do norte. No s XVIII introduciuse regularmente a ópera en Dinamarca e o romanticismo musical iniciouno D. F. Kuhlau (1786-1832), autor da ópera Lulu (1824), e continuou con J. P. E. Hartmann (1805-1900), quen escribiu pezas nacionalistas, e xunto con Niels W. Gade contribuíu á fundación do Real Conservatorio de Música de Dinamarca. A forma máis típica da segunda metade do s XIX é o lied, cultivado por Peter Heise (1830-1879) e Peter Erasmus Lange-Müller (1850-1926). Durante as primeiras décadas do s XX, a música dinamarquesa estivo marcada pola obra de Rued Langgaard e mais Carl Nielsen (1865-1931), e dos seus discípulos Vagn Holmboe e Niels Viggo Bentzon, e Thomas Laub (1852-1927), dedicado ao estudo da música folclórica, e Knud Jeppensen (1892-1974), musicólogo e compositor. Posteriormente, destacou a obra de, entre outros, Bent Lorentzen, Else Marie Pade, Tage Nielsen, Poul Ruders, Svend Hvidtfelt e Karsten Fundal.