Diocleciano, Caio Aurelio Valerio
Emperador romano (284-305). Comandante da garda imperial e máis tarde cónsul, foi elixido emperador por un tribunal de xenerais á morte de Numeriano (284). Logo da desaparición de Carino (285), irmán de Numeriano e coemperador, o Senado recoñeceulle a dignidade imperial. Asociou ao poder a Maximiano, un oficial da súa confianza, e cedeulle o control da metade occidental do Imperio, mentres se reservou o goberno da metade oriental e a dignidade de Augusto Iovius. A bipolarización da autoridade imperial permitiu que Maximiano reprimise o movemento bagauda e que Diocleciano recuperase Armenia. Non obstante , os conflitos políticos e sociais medraban no Imperio, polo que en maio do 293 vinculou o poder a outros dous militares, en calidade de césares: Constancio Cloro para Occidente e Galerio para Oriente. Diocleciano controlaba Tracia, Exipto e Asia, o césar Galerio gobernaba as provincias danubianas, Maximiano administraba Italia e África, e o seu césar Constancio, Hispania, a Galia e Britania. A nova tetrarquía permitiu asegurar a unidade territorial e solucionar os problemas de cada rexión con rapidez, pero aumentou a burocracia gobernamental, o que supuxo unha nova carga económica para os recursos imperiais. Puxo fin á rebelión de Carausio en Britania (296), pacificou as revoltas sociais en Exipto (297) e estableceu a fronteira romana no Tigris, despois de derrotar os persas (298). Diocleciano emprendeu unha reforma administrativa, militar e económica do Imperio e, entre outras medidas, limitou a autoridade do Senado, transformou as 57 provincias existentes en 96, agrupounas en doce dioceses e separou o goberno civil do militar en cada unha das provincias para impedir as usurpacións imperiais. A reorganización administrativa supuxo a aparición da diocese da Hispania, dentro da que integrou a provincia da Gallaecia, que acadou a súa máxima extensión territorial. As reformas económicas e administrativas buscaban regular a inflación mediante o control dos prezos dos alimentos e doutros produtos básicos, así como do salario máximo dos traballadores. Así mesmo, converteu en obrigatorio o culto a Xúpiter, o que provocou unha cruenta persecución contra os cristiáns (303-311). No 305 abdicou en favor de Galerio e obrigou a Maximiano a facer o mesmo en favor de Constancio Cloro. Abandonou o seu retiro no 307 para intentar resolver as disputas entre os tetrarcas, pero fracasou.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Spalato, actual Split