Diogo Gonçalez de Montemor-o--Novo

Diogo Gonçalez de Montemor-o--Novo

Trobador portugúes. A súa única composición “Co[mo] homen ferido com ferro e sem pao” considérase habitualmente un acrecentamento postrobadoresco nos cancioneiros galego-portugueses, pois presenta unha serie de trazos que a distancian das cantigas galego-portuguesas e a achegan á lírica do s XV como son: o xénero da pregunta, moi usado sobre todo no Cancioneiro Geral de Garcia de Resende, a lingua empregada, o estilo, a temática e tamén o emprego de dúas novenas de arte maior con rima abbaaccaa (inexistente na lírica trobadoresca). Malia estas diferencias, a maioría dos manuais inclúena no repertorio das cantigas profanas galego-portuguesas, pois figura, tanto no Cancioneiro da Biblioteca Nacional coma no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, entre cantigas de amor de Johan Servando e de Juião Bolseiro, probablemente co fin de cubrir algún espazo baleiro deixado polo copista.