Diomondi, San Paio de

Diomondi, San Paio de

Igrexa parroquial situada no Saviñao. Pertenceu ao antigo mosteiro fundado por Odoario baixo a advocación de santo Estevo e que doou ao mosteiro de Santo Adrián de Montederramo, pero baixo a xurisdición do bispo de Lugo. No 954, o bispo lucense Hermenexildo, concedeu ao seu tío o abade Randino, o establecemento dunha comunidade relixiosa dúplice coa condición de seguir baixo a autoridade lucense. No 976, Senior, sobriña do bispo de Tui Ermoxio, doou varias igrexas ao bispo de Lugo entre as que estaba o mosteiro propiedade do seu tío. Posteriormente, pertenceu ao cabido lucense e foi dominio real. En 1164, Fernando II cedeullo a Fernando Odoáriz e a súa dona xa baixo a advocación de san Paio. Afonso IX confirmou á Igrexa de Lugo o coto e a igrexa de Diomondi e en 1231 Fernando III reafirmou esta confirmación. A igrexa é románica e, segundo as súas características arquitectónicas e ornamentais, construíuse cara ao 1200. Ten unha soa nave con cuberta de madeira a dúas augas e dividida en cinco tramos, e ábsida semicircular cuberta cunha bóveda de cuarteiróns precedida dun tramo recto cuberto cunha bóveda de canón e que recibe luz directa a través de tres ventás de medio punto, a central formada por un arco sobre columnas. O arco triunfal presenta unha tripla arquivolta perfilada por unha chambrana de escaques, o arco menor sostense por columnas con bases áticas e capiteis de follas estilizadas que se enroscan no estremo, similares ás das cestas nas que se sustenta o arco faixón do interior da capela. A nave proxectouse para ser abovedada, polo que conta con columnas imbuídas nos muros laterais que descansan sobre arcos apuntados. En cada pano ábrese unha fiestra de medio punto con columnas e sobria decoración, aínda que as do lado norte están cegadas por causa da anexión dun antigo edificio empregado como residencia de verán dos bispos de Lugo. Nos dous tramos máis occidentais do muro sur hai dous arcos cegos destinados a unha función funeraria, pero que non se chegaron a empregar. No exterior, a ábsida compartiméntase por medio de columnas entregadas con capiteis vexetais que chegan ao beiril; a nave presenta contrafortes pegados que se corresponden con columnas no interior e teñen entre eles fiestras de medio punto sobre columnas. O proxecto inicial contemplaba a unión dos contrafortes pola parte superior mediante arcos, dos que só quedan as primeiras doelas. As portadas laterais son sinxelas: rematan en arcos de medio punto enrasados co muro e rodéanse de chambranas de billetes; os tímpanos son lisos e están sostidos por ménsulas con cabezas de animais, aínda que na porta meridional, o tímpano está decorado na parte inferior por un arco semicircular perfilado por un dobre festón de arquiños cegos. Na fachada occidental, a portada está formada por catro arquivoltas, molduradas e adornadas con grupos de tres boliñas; sostéñena catro pares de columnas de mármore con bases áticas e con capiteis figurados nos que se representan cuadrúpedes, aves e centauros. O tímpano é liso e posúe unha inscrición na súa parte interior que alude á colocación do lintel no ano 1170. Ás beiras da portada sitúanse dous arcos cegos de grandes dimensións. A fachada remátase cunha espadana de dous vans. En 1931 declarárona Ben de Interese Cultural.