dionisias
(
Celebración relixiosa que os atenienses dedicaban a Dioniso. Tiña lugar a finais de marzo e comezaba cunha procesión na que se ofrecían sacrificios ao deus, ao tempo que se levaba a súa estatua ao teatro, onde permanecía durante o tempo que duraba o festival. As celebracións centrais das festas, nas que participaban as dez tribos que conformaban a cidadanía ateniense, consistían nun concurso de ditirambos, ou himnos dionisíacos interpretados por coros, e nun concurso teatral no que un grupo de autores elixidos previamente, segundo as propostas presentadas, ofrecían a representación de tres traxedias, un drama satírico e unha comedia. Os gastos derivados da escenificación sufragábanos cidadáns ricos designados polo Arconte, e un grupo representativo de cidadáns da clase política ateniense decidía o vencedor do concurso. En xaneiro tamén se celebraban as Leneas, festas nas que o xénero teatral preferido era a comedia, e en decembro as Dionisias rurais que tiñan lugar de forma independente en diferentes áreas de toda a Ática.