diplomática

diplomática

(< diploma)

s f [ARQUIV]

Ciencia auxiliar da historia que ten por obxecto o estudo das fontes escritas, principalmente os diplomas ou documentos, tanto na súa forma externa como interna, para así poder verificar a súa autenticidade. Desde a Antigüidade, existiron sistemas para verificar a autenticidade dos documentos, pero foi no s XVII, como consecuencia da preocupación dos historiadores por descubrir e evitar a falsificación de documentos, cando o francés Jean Mabillon estableceu as regras fundamentais da diplomática na obra De re diplomatica (1681) e se centrou no estudo integral (formal e material) dos documentos. Co paso do tempo, o seu ámbito de investigación limitouse ao estudo das características de redacción dos documentos, á súa elaboración e transmisión, e ás institucións (persoas, chancelerías ou notarios) que os emitiron e lles conferiron unhas características formais. O seu desenvolvemento en España, que se iniciou no s XVIII ao redor dos círculos de eruditos e dos membros das ordes monásticas, organizouse en Catalunya ao redor do mosteiro de Bellpuig, mentres que en Castela destacaron os frades Caresmar, Pascual e Martí. No s XIX, a renovación historiográfica converteu os arquivos en centros de estudo para os historiadores positivistas e impulsou a creación de centros especializados, como a Écôle de Chartes en París (1821), o Institut für Oesterreichische Geschichtsforschung en Viena (1854), a Escuela de Diplomática en Madrid (1856) e a Scuola di Paleografia e Diplomatica en Milán (1857). Establecéronse tres grandes escolas diplomáticas: a francesa con Giry e Delisle, que tivo unha influencia decisiva no establecemento das normas da diplomática; a alemá con Von Sickel, Böhmer, Brunner e Breslau; e a italiana con Paoli, Fumagalli e Schiaparelli. Entre os investigadores que se ocuparon do estudo das coleccións diplomáticas galegas no s XIX cómpre sinalar a X. Villaamil e Castro, F. Fita e A. López Ferreiro. No s XX destacaron E. Duro Peña, que se ocupou dos códices da catedral de Ourense; A. Eiras Roel, que estudiou os protocolos notariais galegos; J. García Oro, que traballou sobre os fondos do mosteiro de San Domingos de Viveiro e sobre o conde de Villalba; M. Lucas Álvarez, que investigou sobre o Tumbo A da catedral de Santiago, os fondos de San Martiño Pinario e do mosteiro de san Clodio de Ribeiro xunto con P. Lúcas Domínguez; E. Leirós Fernández, que realizou a catalogación dos pergameos da catedral de Ourense; S. Portela Pazos que realizou diversas anotacións sobre o Tumbo A da catedral de Santiago e M. Romaní Martínez, que traballou sobre documentación do mosteiro de Oseira.