Dire Straits
Grupo musical que xurdiu en Londres en 1977 cando Mark Knopfler e Pick Whiters deciden crear unha agrupación xunto con David Knopfler e John Illsley. En xuño dese ano gravaron unha maqueta cos temas Wild West End, Water Of Love, Sacred Loving e Sultans Of Swing e debutaron o 9 de xullo no Farrar House baixo o nome The Café Racers, antiga formación de M. Knopfler. Posteriormente, adoptaron o nome de Dire Straits e presentáronse ao público a finais de mes no Albany Theatre de Deptford. O 9 de decembro de 1977 asinaron o seu contrato con Phonogram e entre xaneiro e febreiro de 1978 actuaron como primeiros invitados do grupo Talking Heads nas súas actuacións en Reino Unido. Co abandono de David Knopfler, incorporáronse ao grupo Hal Lindes e Alan Clark, e esporadicamente colaboraron J. Pastorius e mais J. Zawinul. Da súa discografía destacan Dire Straits (1978), Communiqué (1979), Making Movies (1980), Love Over Gold (1982), Alchemy: Dire Straits Live (1984), Brothers in Arms (1985), Money for Nothing (1988), On Every Street (1991), On the Night (1993) e Live at the BBC (1995).