disfrace

disfrace

(

  1. s m
    1. Conxunto de medios materiais que se empregan para modificar exteriormente a aparencia. Inicialmente, e desde moi antigo, estivo ligado a cerimonias propias de ritos relixiosos, práctica aínda usual entre as tribos africanas e de Oceanía. Posteriormente, estendeuse o costume de empregar o disfrace como diversión, malia a oposición da Igrexa, e chegou a ser xeral durante o Entroido. A complexa variedade de disfraces no Entroido fai difícil a súa xeneralización, aínda que algúns deles sobreviviron no tempo. O máis clásico e invariable é o cigarrón, típico de Verín. Esta máscara, de orixe prehistórica, é de madeira pintada de cores rechamantes e prolongada cara a arriba cunha chapa metálica onde leva pintado algún motivo animal ou do zodíaco. As que levan na parte posterior da cabeza un pelello, dan nome ao disfrace de peliqueiro, propio de Laza. A vestimenta do cigarrón componse dunha chaqueta con galóns sobre a que vai un pano. Do cinto, penduran unhas chocas que soan ao brincar, e na man un látego cunha correa de coiro de boi. Este sérvelle para ameazar e meter medo facéndoo estalar con forza no chan. Tanto os peliqueiros coma os cigarróns percorren a vila en grupos. Corren e saltan sen parar e non poden descubrir a cara, agás nun local pechado. Os veciños poden aldraxalos, pero non poden tocalos nin descubrirlle a cara. Cando chegan ás casas ou están preto dunha taberna haberá que convidalos a viño e bica. Non camiñan normalmente, senón ás carreiras; choutan, bailan e baten a pracer co seu vergallo. Exercen este poder durante o tempo que dura o Entroido. Antano, os cigarróns saían desde Laza e percorrían longas distancias, ata chegar a Castela. En Xinzo de Limia, é a careta o que se chama propiamente pantalla. Realízase con cartón, papeis de xornal e feltro. O traxe leva calzón longo, polainas negras e camisa branca. Viste capa encarnada ou negra con cintas de cores e un pano vermello atado á caluga. Da faixa, penduran axóuxeres e campaíñas. Nas mans, cubertas con luvas brancas, levan unhas vexigas curadas e inchadas coas que fan un grande estrondo. Móvense en grupo á procura dos que non levan disfrace para obrigalos a pagar unha rolda de viño. Os boteiros son as máscaras típicas de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, que non paran de brincar mentres fan soar as chocas e conducen unha comitiva chamada foliós, en que participa a xente do lugar, que leva apeiros de labranza e uns enormes bombos feitos de xeito artesanal, acompañados dun ritmo monótono. O máis característico deles é a máscara, a de Vilariño cobre toda a cabeza e representa un home con bigote, barba e patillas, ademais de levar enriba unha prancha decorada con papel rizado de cores; en Viana portan unha pesada máscara formada por unha careta negra tallada en madeira, cun amplo sorriso, e amodo de gorro unha armadura xeométrica formada por arames e cartón, adornada con papeis de cores que fan debuxos. Nesta mesma localidade existe a vaca morena, que consiste nunha cabeza de cuadrúpede, en madeira, cuberta de pel de cordeiro negro, lingua e ollos de trapos vermellos, cornos e un longo pau no medio da cabeza; debaixo hai un home que vai escornando a xente. En Allariz saen os churrúas, vestidos de cores, con cinto de chocallos, pelica e monteira. Noutros lugares, como en Vigo, saían os merdeiros ou escabecheiros, todos vestidos de branco, menos o chaleco que era vermello por diante. Na parte de atrás levaban cosida a figura dun burro, o Sol, un galo, a Lúa ou unha galiña; e na cabeza, un gorro branco cunha fita vermella ou verde. No van, adoitaban levar unha vasoira pendurada ou unhas cebolas. Entre A Estrada e Santiago de Compostela, no val do Ulla, festéxase o Entroido cunha mascarada composta de xente vestida con traxes de corte militar e montados a cabalo, os xenerais. En Chantada saen os volantes, que visten camisa e pantalón brancos ou das cores das bandeiras galega ou española, acompañados dunha máscara chamada pucho que pode acadar un metro de alto e largo. As madamas e galáns son frecuentes, aínda que actualmente só perviven en Santa Cristina de Cobres, no concello de Vilaboa. Os seus disfraces arremedaban antigos traxes de señorío, a base de roupa interior con abundantes bordados e encaixes, fitas de seda e chapeos moi adornados. Disfraces típicos de oficios son os barbeiros, sacamoas, curas, afiadores, labregos, etc. Tamén son tradicionais os maragatos cos mulos cargados de cousas para vender, os cubanos, xitanas, e outros personaxes máis actuais, como os pallasos de orixe veneciana, como os pallasos. Ademais, moitos dos disfraces de animais aínda conservan a súa antiga simboloxía e ritualidade. É o caso, por exemplo, das cabezas de touros, dos disfraces de cabalos e osos de Chantada e de demo, malia a crenza de que se morre alguén disfrazado dese xeito, vai ao inferno. Con todo, os disfraces de Entroido resultan ser moi variados e adoptan as formas máis curiosas, de acordo coa imaxinación de cadaquén.

    2. [DER]

      Medio empregado na comisión dun delito co fin de evitar ser recoñecido. O seu emprego considérase circunstancia agravante da responsabilidade criminal.

    3. [LIT]

      Recurso teatral empregado polos actores para desfigurar a súa fisionomía e adaptala á dos personaxes que intentan representar. A súa utilización no teatro inscríbese dentro dun acordo tácito de complicidade que se establece entre o actor e o público, e pode abranguer distintos aspectos da fisonomía (vestimenta, maquillaxe, xestos) e da actuación (cambios de voz) do actor. É un dos trazos definitorios das representacións teatrais, aínda que non é obrigatorio.

  2. s m

    Finximento mediante o que se presenta a realidade baixo unha falsa aparencia.

Palabras veciñas

disfonía | disforia | disfótico -ca | disfrace | disfrasia | disfrazar | disfunción