Djenné
Djenné
Cidade de Mali, na rexión administrativa de Mopti, no delta do río Níxer. As principais actividades económicas están relacionadas coas funcións administrativas. Tamén destaca unha pequena industria artesanal dedicada á elaboración de cerámica. Fundada no s IX, converteuse no s XV nun importante enclave comercial das rutas que unían o norte e o sur da rexión. Do seu patrimonio cultural destacan as vivendas tradicionais, construídas en adobe, decoradas con motivos árabes e situadas no alto dos outeiros; e a gran mesquita, feita en barro a principios do s XX, que substituíu a que existía dende o s XI. A UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade en 1988.