Dobarro Paz, Xosé María

Dobarro Paz, Xosé María

Escritor e profesor. Licenciado en Filosofía e Letras en 1973 pola Universidade de Santiago de Compostela, defendeu en 1974 a tese de licenciatura sobre a fala de Cabalar (A Capela) e en 1975 iniciou a docencia como profesor de lingua galega no Colexio Universitario da Coruña, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1979 finalizou os estudios de Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués) e un ano máis tarde defendeu a tese de doutoramento sobre Alberto Camino. En 1984 pasou a ser profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela e en 1993 catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña. Foi subdirector do Colexio Universitario da Coruña (1985-1990), director do departamento de Filoloxía Francesa e Galego-Portuguesa (1990-1993) e decano da Facultade de Filoloxía (1995-1998). Así mesmo, foi vicepresidente da Mesa do Claustro da Universidade de Santiago de Compostela, relator en congresos nacionais e internacionais, e profesor visitante nas universidades da República Oriental do Uruguay, da CUNY (City University of New York), de La Habana e da Universidade Estadual do Ceará (Fortaleza-Brasil). Militou na AN-PG, UPG e BNG, así como no sindicalismo nacionalista (ING, INTG e CIG) e foi delegado sindical polo sector do profesorado na Universidade da Coruña. Colaborador en distintas publicacións (A Nosa Terra, Luzes de Galicia, Boletín da Real Academia Galega, Cuadernos de Estudios Galegos, Anuario Galego de Literatura, Grial), publicou traballos sobre escritores galegos do s XIX e XX, como Manuel Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Valentín Lamas Carvajal ou Ramón Cabanillas, e editou obras dalgúns deles (Cabanillas, Lamas Carvajal, Pondal, etc). Secretario da Fundación do Patronato do Pedrón de Ouro e membro da xestora da Fundación Castelao, foi presidente da Asociación Cultural Medulio de Ferrol e secretario da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ferrol