dobermann*
Raza de cans de máis de 70 cm de altura na cruz e 45 kg de peso, corpo musculoso e estilizado, cabeza alongada e pescozo longo. O pelo é curto, liso e duro, de cor castaña ou negra, con áreas de cor caoba na gorxa, meixelas, beizos, cellas, peito e patas. As orellas son caídas e, nalgúns países, permítese recortalas, ao igual ca a amputación do rabo. Constitúe unha raza empregada, fundamentalmente, para a garda e defensa. Creouse na década de 1860, a partir doutras 7 razas -entre elas o pastor, o dogo e o rottweiler- por un recadador de impostos alemán chamado Louis Dobermann como axuda para o seu traballo. Logo foi empregado e criado pola policía de Turingia e tivo un papel importante, como can rastrexador, mensaxeiro ou de patrulla, durante as dúas guerras mundiais. Emprégase como can policía en moitos países, sobre todo nos EE UU. Debido á sua natureza agresiva, téndese a críar só os animais de carácter máis equilibrado para obter animais de compaña.