dolomía

dolomía

(

s f [XEOL]

Rocha sedimentaria que ten como compoñente principal a dolomita, e como secundarios, a calcita, a limonita e o cuarzo. As dolomías poden ser de cor branca, amarela, castaña, gris ou negra. A textura é homoxénea e corresponde a un gran fino ou medio que, ás veces, contén fósiles. Fórmase como consecuencia dun proceso diaxenético de metasomatose (dolomitización) a partir de rochas calcarias, que sofren o intercambio de magnesio con augas ou rochas ricas neste elemento do contorno. Distínguense dúas variedades de dolomía: a dolomía común, que presenta un contido elevado de arxilas e partículas de cuarzo e, as máis das veces, ten zonas de descarbonatación que forman fisuras entrecruzadas; e a calcaria dolomítica, que se caracteriza por constituír mesturas, en distintas proporcións, de calcaria e dolomía. Na Península Ibérica aparece no oriente galego, no Sistema Ibérico, nas serras béticas e no Levante.