Domecq en Galicia

Domecq en Galicia

Publicación gratuíta editada a partir do 1 de decembro de 1925 na Coruña e subtitulada “Revista mensual”. Dirixida por Horacio Rodríguez, contou coa colaboración de Alberto Insua, Félix Estrada, Xesús Carro García, Anxo do Castillo, Xoán Rof Codina, Ramón Fernández Mato, Luís L. Riobóo, Manuel Ortiz e Antón Villar Ponte, entre outros. Nos seus artigos incluíu información propagandística da casa patrocinadora, pasatempos e novas referidas a temas de Galicia e Hispanoamérica. Na súa sección “Figuras del Parnaso gallego”, inseríronse biobibliografías de Aurelio Aguirre e Manuel Lugrís Freire, así como diversos poemas. Xunto coas edicións normais publicou números extraordinarios, como o aparecido en xullo de 1926, referido de forma íntegra a Galicia e subtitulado “Fiestas de verano en Galicia”, no que contaba coa colaboración de Ramón Otero Pedrayo, Enrique Hervada e Narciso Correal.