Domènech i Montaner, Lluís
Arquitecto, historiador e político. Estudiou en Barcelona e na Escuela de Arquitectura de Madrid, onde se titulou en 1873. Foi catedrático de Composición e de Proxectos da Escola d’Arquitectura de Barcelona (1875) e director da mesma dende 1901. Para a Exposición Universal de Barcelona de 1888 construíu o restaurante do parque da Ciutadella, coñecido co nome popular de Castell dels Tres Dragons e convertido no Museu de Zoologia, no que se adiantou á arquitectura do seu tempo ao empregar o ladrillo de cara vista e os tirantes de ferro. Terminada a exposición, estableceu alí un taller de perfeccionamento das artes decorativas aplicadas á arquitectura. Construíu outros edificios monumentais, feitos de ladrillo, ferro forxado e decorados con cerámica polícroma vernizada, con abundancia de temas florais como, a casa Thomas (1899), o Palau de la Música Catalana (1905-1908), a casa Albert Lleó e Morera (1905), a casa Fuster (1908) e o gran conxunto monumental do novo Hospital de Sant Pau (1902-1912), todos eles en Barcelona. En Canet de Mar construíu o Casino (1887) e dirixiu a reconstrución do castelo de Santa Florentina (1909). En Reus erixiu o Institut Pere Mata (1897) e a casa Navàs (1901), e en Palma de Mallorca, o Gran Hotel (1902-1912). A súa andaina política, no terreo do catalanismo, comezou dende moi novo. En 1897 ingresou na Lliga de Catalunya da que foi presidente en 1888, e na Unió Catalanista que presidiu en 1892. Foi un dos organizadores da asemblea que aprobou as Bases de Manresa. Ingresou no Centre Nacional Català (1899) e na Lliga Regionalista (1901), e foi deputado en 1901 e 1903. Finalmente separouse deste partido e fundou o semanario El Poble Català, arredor do que se organizou a Esquerra Catalana. Socialmente conservador, distanciouse da política e acabou dedicándose á investigación arqueolóxica e á historia. Escribiu, entre outras obras, Historia general del arte: arquitectura (1886), Iluminación solar de los edificios (1877), La política tradicional d’Espanya (A política tradicional de España, 1898), Història i arquitectura del monestir de Poblet (Historia e arquitectura do mosteiro de Poblet, 1925) e Estudis polítics (Estudios políticos, 1905). Pertenceu á Acadèmia de Bones Lletres (1921).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Barcelona -
Deceso