Domingos/Dominga

Domingos/Dominga
[ONOM]

Antropónimo cristián procedente do latín Dominicus ‘do señor’, con conservación da terminación en -s do nominativo latino ou por restitución culta. Como nome persoal documéntase no s X: “Dominicus” (doc ano 915 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 145), “Domingia” (doc ano 953 en J. Mª Andrade Cernadas, O tombo de Celanova, 1995, p 727), “villa de Domenci” (doc ano 969 en J. Mª Andrade Cernadas, O tombo de Celanova, 1995, p 346), “Domingos Perez” (doc ano 1084 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 145). Na Idade Media non era moi frecuente, pero desde o s XVI fíxose moi común debido ao poder e á influencia dos dominicos nos reinos da Coroa de Castela, e nos ss XVII e XVIII pasou a ser o segundo nome masculino por orde de frecuencia en Galicia. Presenta os hipocorísticos: Mingos, Mingo, Mingote, Mingacho, Mingucho, Minguiños/Minga, Minguiña, e serviu de base para a creación do apelido Domínguez. Na Idade Media o apelido documéntase no s X: “Tannito Dominico” (doc ano 961 en Manuel Lucas Alvarez, El tumbo de san Julián de Samos (siglos VIII-XII), 1986, p 448). É titular dunha soa parroquia, a de San Domingos de Ribadavia. A festividade de san Domingos de Silos (s XI) celébrase o 20 de decembro, a de san Domingos de Guzmán (1170-1221) o 8 de agosto, a de san Domingos da Calzada (ss XI-XII) o 12 de maio, e a de san Domingos Savio o 6 de maio.