Domingos de Guzmán, san
(Caleruega 1170 - Boloña 1221) Relixioso fundador da orde dominicana. Estudiou filosofía e teoloxía en Palencia (1184-1194) e, ordenado sacerdote, converteuse en subprior do capítulo dos cóengos regulares de Osma. En 1203 acompañou a Roma o bispo de Osma, Diego de Azevedo, antigo prior do capítulo. De volta, estableceuse en Languedoc cos legados e predicadores mandados por Inocencio III para converter os cátaros e albixenses. En 1208 fundou en Prouille, preto de Toulouse, un convento con nove monxas baixo a regra de santo Agostiño. Trala cruzada dos albixenses (1209-1213), decidiu crear unha pequena comunidade relixiosa de predicadores en Toulouse, dedicada non só á contemplación senón tamén ao estudo das ciencias sagradas e á práctica dos mesteres pastorais. Con esta finalidade acudiu xunto do Papa Inocencio III, quen nun comezo se amosaba dubidoso a lle conceder o permiso. En 1217, coa aprobación do Papa Honorio III, recibiu a profesión solemne dos dezaseis primeiros freires e foi recoñecida a orde dos Frades Predicadores (os dominicanos). Entre 1217 e 1218 residiu en Roma, onde foi mestre de teoloxía. No primeiro capítulo xeral de Boloña (1220) transformou a orde en mendicante e mostrou unha dedicación especial á ensinanza e á predicación. Con posterioridade, estableceu aínda outras dúas ordes. A devoción atribuíulle moitos milagres, mesmo a invención do rosario. Na iconografía viste o hábito da súa orde, túnica e muceta brancos, manto con carapucha de cor negra, e leva como atributos persoais unha estrela ou sol na testa ou no peito, e un can branco e negro cun facho aceso na boca (Domini canis ‘o can do Señor’, emblema xeral dos frades dominicanos e predicadores). A finais da Idade Media engadíronlle un rosario e, ás veces, aparece tamén cun libro ou cunha póla de lis. No 1221 foi canonizado por Gregorio IX. A súa festividade celébrase o 8 de agosto.