Domínguez

Domínguez
  1. [ONOM]

    Apelido de tipo patronímico formado a partir do nome Domingo/Domingos. Na época medieval presentaba máis variantes ca hoxe en día: “Eika Duminizi” (doc ano 1069 en Santiago Montero Díaz, La colección diplomática de San Martín de Jubia [Ferrol], Boletín Universitario de Santiago 7, 25, 1935, p 60), “Nullo Domenguiz” (doc ano 1080 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 338), “Johã Domingez” (doc ano 1278 en Manuel Lucas Alvarez/P. Lucas Domínguez, San Pedro de Ramirás. Un monasterio femenino en la Edad Media. Colección diplomática, 1988, p 415).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que se asentou no Grove, Raxó (Poio), Reinante (Barreiros), Borreiros (Gondomar), Cacheiras (Teo) e Manzaneda. As súas armas levan, en campo de sinople, dous castelos de ouro unidos por unha cadea do mesmo metal e sumados dunha aguia, tamén de ouro, que asenta as súas gadoupas en ambas as torres centrais dos dous castelos. Algúns ostentan escudo cortado por unha faixa de ouro: no alto, en campo de azul, dúas cabezas de prata, e no baixo, en campo de goles, unha caldeira de sable. Outros traen, en campo de goles, un brazo nacente do flanco destro sostendo un escudo, para facer fronte á acometida doutro brazo armado nacente do flanco sinistro, que empuña unha espada; terrazado de sinople, con cinco cabezas sinistradas. Outros amosan escudo cuarteado: primeiro e cuarto cuartel, de prata, con tres paos de goles; segundo e terceiro, de azul, con tres espadas, de prata, coa gornición de ouro e as puntas cara a arriba. Os do Grove levan no seu escudo unha bandeira envolta nunha cruz, sobre un castelo, e ao seu pé, dúas aves enfrontadas. Os de Raxó traen un ramallete de rosas, tres faixas de escaques (polos Soutomaior) e unha espada empuñada.