Domínguez Coumes-Gay, Faustino
Arquitecto. Fillo de Faustino Domínguez Domínguez. Formouse na Escuela Superior de Arquitectura de Madrid e obtivo o título co proxecto dunha fachada para a catedral de Madrid (1867). Foi arquitecto municipal de Ferrol (1868-1870), arquitecto municipal de Santiago de Compostela (1879-1887), arquitecto diocesano de Santiago (1882-1884), arquitecto provincial da Coruña (1887) e presidente da Academia Provincial de Bellas Artes da Coruña (1890). Durante a súa estadía en Madrid (1870-1879), traballou, entre outras obras, na ampliación do Museo del Prado (1870) e no Palacio de Justicia (1874). Na Coruña realizou, entre outras obras, o proxecto do antigo Teatro Principal (1867), chamado posteriormente Teatro Rosalía de Castro, construíu o Instituto Eusebio da Guarda (1889), as Escolas da Garda (1898), vivendas unifamiliares como a casa de Fernando González (1881), as Galerías da Praza de Pontevedra (1895) e a nova igrexa de Santo André (1881-1890). En San Pedro de Nós (Oleiros) proxectou a súa igrexa parroquial (1881) e erixiu o pazo Alsina (1882-1884), en Ferrol proxectou o Teatro Joffre (1871) e en Santiago de Compostela o edificio do Monte de Piedade (1894-1895). Cómpre destacar, no apartado da arquitectura efémera, a realización dunha fachada neomudéxar para a catedral compostelá para a súa queima durante as festas do Apóstolo de 1880. En 1866 obtivo unha terceira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes polo proxecto dunha igrexa, e na exposición de 1871 recibiu o mesmo premio polo proxecto dun monumento conmemorativo da Batalla de Albuera. Foi correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso