Domínguez Domínguez, Faustino
Arquitecto. Formado na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, foi arquitecto provincial da Coruña (1846-1887). Entre outros cargos, ocupou a cátedra de Física Experimental na Sociedad Económica de Amigos del País e foi vogal e vicepresidente da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos. Fixo, entre outros, os proxectos dos cárceres de Arzúa, Betanzos, Muros, Ribadeo e Tui. Entre as obras realizadas na Coruña destacan a praza de María Pita (1859), na que tamén fixo un proxecto para a Casa do Concello, a fachada da igrexa de San Nicolao (1861) e o edificio da Deputación Provincial (1862). Fóra da cidade herculina presentou un proxecto para un teatro en Santiago de Compostela (1840), con Manuel de Prado y Vallo, e trazou os planos das igrexas de Santiago de Viveiro e Santa Eulalia de Valdoviño. Como teórico da arquitectura deixou escritos nos que reflectiu o seu ideario estético clasicista. Foi redactor e editor do xornal El Vigilante e publicou a lenda El castillo de Sobroso (1880). Recibiu, entre outros galardóns, os títulos de cabaleiro da Real Orden de Carlos III (1861) e cabaleiro (1868) e comendador (1887) da Real Orden de Isabel la Católica (1868). En 1850 participou na fundación da Academia Provincial de Bellas Artes da Coruña, da que foi secretario e presidente e foi correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando dende 1865.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Villamañán, León -
Deceso
Lugar : A Coruña