Domínguez Fontenla, Xoán

Domínguez Fontenla, Xoán

Sacerdote, arqueólogo e historiador. Doutor en Teoloxía, foi profesor no Seminario de Tui, capelán das carmelitas da Guarda, párroco do Rosal, de San Francisco de Vigo e da Guarda, e cóengo nas catedrais de Burgos, Ourense e Tui. Foi profesor da Universidad Pontificia, da Sociedad Arqueológica de Santander e conservador do Museo Provincial de Ourense. No apartado histórico e arqueolóxico, cómpre destacar as escavacións no monte Santa Tegra, a colaboración con Florencio Cerviño, bispo de Ourense, na restauración do mosteiro de Oseira, o descubrimento do arquivo da catedral de Tui, oculto nunha bóveda desde 1808 e o seu traballo na Comisión Provincial de Monumentos de Ourense. Colaborou, entre outras publicacións, en La Voz del Tecla, Boletín de la RAG, Boletín de la Comisión de Monumentos de Orense, La Región e Faro de Vigo. Entre os seus estudios destacan “Etimología de la palabra “Panjón”, nombre de un pueblo de la ría de Bayona”, “Turonium. Estudio histórico de esta antigua ciudad”, “Descubrimientos arqueológicos en Santa Tecla” e “El monasterio beneditino de La Guardia”. Entre outras obras escribiu Autobiografía del Padre Sarmiento, baseada nunha copia do beneditino frei Xosé Goyanes, a transcrición paleográfica dunha versión galega do s XV do Tratado de Albeitería de Jordán Rubio de Calabria (s XIII) e Nuestra guerra con Portugal en el siglo XVIII. Entre outras institucións, foi membro da Real Academia Galega e correspondente da Real Academia de la Historia.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : A Guarda

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela