Domínguez Senlle, Uxía
Cantante. Estudiou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e comezou a cantar moi nova atraída polas máis diversas expresións musicais populares. Manifestou unha forte inclinación cara á poesía galega, que divulgou a través das súas composicións (letras e músicas propias, poesía popular, cancioneiro galego-portugués e poesía contemporánea). En 1985 acadou o primeiro premio do Festival de Bergantiños e en 1986 editou o seu primeiro disco, Foliada de Marzo, coa produción artística do grupo Na Lúa, ao que se integrou un ano despois e co que gravou A Estrela de Maio (1987) e Ondas do mar de Vigo (Premio Galego da Crítica, 1989). En 1991 abandonou Na Lúa para retomar a súa traxectoria como solista e gravou Entre cidades. Representou a TVG en Nuremberg nun festival de televisións autonómicas europeas, dirixiu e conduciu o programa Babia en Radio Ecca Cultural (1991-1994) e colaborou en diversas revistas especializadas e xornais. Nesta época foi monitora de cantos populares en diversas asociacións veciñais de Vigo e a partir destes cursos creou o grupo Cantadeiras do Berbés. En 1995 editou Estou vivindo no ceo e comezou a dar concertos en Arxentina, Cuba, Alemaña, Italia, Escocia e Austria. Participou no concerto celebrado no Auditorio de Galicia Mulleres a Viva Voz, xunto a Amália Rodrigues e Mª del Mar Bonet, e gravou La Sal de la vida (1997), xunto a Rasha, Mª Salgado e Xesús Pimentel. Representou a Galicia na Expo 98 de Lisboa co seu espectáculo Nai Terra e a súa participación nuns concertos xunto a Filipa Pais. Emprendeu diversos proxectos nos que a muller e a tradición foron a base do seu traballo (O Cantar das Galegas, xunto a Leilía; O Cantar das Mulleres, xunto a Mª João, Enma Pino, Leilía, Minela, etc; Son delas, para conmemorar o 8 de marzo e que reuniu a artistas como Mercedes Peón, Uxía Pedreira, Mª Manuela, Rosa Cedrón, Guadi Galego e Susana Seivane). Así mesmo, participou nos espectáculos Bailía das Frores, no Intercéltico de Porto, Sons da Fala e Sons da Lusofonía e representou a España no POPKOMM (Colonia, 1993). No seu traballo Danza das areas (2000) participaron, entre outros artistas, Dulce Pontes, X. M. Budiño, Mª del Mar Bonet, João Afonso, Karen Mathenson, Donald Shaw e Michael McGoldrik.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Sanguiñeda, Mos