Domínguez Vaz, Carmen
Pintora. A finais dos anos sesenta viaxou a París, onde o coñecemento das distintas correntes artísticas contribuíu a encher de liberdade os seus lenzos. A súa obra bebeu das diferentes estéticas na busca da expresión a través das formas e das cores. Evolucionou dende a figuración ata a abstracción xeométrica con referencias cubistas, futuristas e surrealistas para despois achegarse a unha estética informalista e a unha simplicidade próxima ao construtivismo. Empregou as cores intensas, planas e a sobriedade das veladuras. Nas súas teas, traballadas como un elemento activo no que o espazo cobra vital importancia, introduciu obxectos de metal e outros materiais na busca da tridimensionalidade. Da súa produción destacan a serie Chador, Más allá del color, Credo in unum primum, La escalera de Jacob e El bosque de las primeras cosas. Realizou a súa primeira exposición na Galería Torrado de Pontevedra (1983) e dende aquela destacan, entre outras, as mostras Tiempos del alma (A Coruña, 1996), Puertos y querencias (Las Palmas de Gran Canaria, 1997) e L’Aria del L’Acqua (Barcelona e Zaragoza, 1998). Participou, entre outras exposicións colectivas, na Bienal de Pontevedra (1984), na I Mostra Unión Fenosa (1989), no I Certamen de Pintura Solar de Somosiego (1990), e expuxo na Galería Kzayd de Bos Aires. Entre outros galardóns, recibiu o Primer Premio Nacional e Medalla de Oro de Pintura Religiosa (1983), o primeiro premio do Concurso Nacional de Pintura de Casinos de España (1983) e o primeiro premio de Pintura al Aire Libre da Comunidad Autónoma de Andalucía (1986). A súa obra está presente en diferentes museos como no Museo de Pontevedra, no Museo de Arte Moderno de Montevideo e no Museo de Dibujo de Bos Aires.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra