Dominica

Dominica
Nome científico: [nome oficial ingl: Commonwealth of Dominica]

Estado insular de América Central que se corresponde coa illa homónima do arquipélago das Pequenas Antillas, a maior das denominadas de Barlovento (751 km2; 71.000 h [estim 1999]). Está situada a 15° de latitude N e 61° de lonxitude O. A súa capital é Roseau, no SO da illa.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Dominica é unha illa de orixe volcánica na que o seu relevo se caracteriza por ser moi accidentado, resolto nunha sucesión de edificios volcánicos aliñados en dirección N-S. De entre eles destaca o Morne Diablotin, no centro da illa, que rexistra a maior altitude con 1.447 m. Cara ao N as altitudes dos cumios descenden (861 m do Morne aux Diables), mentres que cara ao S se manteñen por riba dos 1.200 m (Morne Trois Pitons, 1.380 m, monte Watt, 1.224 m, Morne Macaque, 1.221 m). O litoral esténdese ao longo dun perímetro de 184 km de costa, e alterna segmentos ocupados por depósitos de praia (de area negra volcánica) con outros acantilados.
Climatoloxía e hidrografía
A posición latitudinal de Dominica e a súa insularidade proporciónanlle un clima tropical, caracterizado polas elevadas temperaturas, constantes ao longo do ano (a media anual é de 26°C), e rexistros de precipitacións tamén moi elevados, que poden superar os 5.000 mm anuais, distribuídos principalmente entre os meses de xullo e outubro; a fachada de barlovento dos volcáns centrais da illa é un dos lugares do mundo onde se recollen maiores volumes de precipitacións. Repartidas por toda a illa hai numerosas fontes termais e lagos de auga quente, favorecidos pola actividade volcánica. No interior hai gran cantidade de pequenos ríos, que, no seu curso cara ao mar, dan orixe a fervenzas ao salvar os grandes desniveis existentes.
Medio ambiente
A illa conserva un 60% da súa superficie cuberta con vexetación orixinal, entre a que destaca a selva subtropical. A flora está composta por máis de 1.000 especies e entre a fauna salientan as máis das 170 especies de aves. A mellor representación da natureza insular é o Parque Nacional de Morne Trois Pitons, localizado no centro da illa (onde existe unha intensa actividade volcánica), que ocupa una superficie de 6.857 ha. No litoral desenvolveuse un importante cinto coralino.
Xeografía económica

Economía e sectores de actividade
A economía da illa de Dominica baseouse tradicionalmente na agricultura, concretamente no cultivo de determinados produtos tropicais en explotacións orientadas cara á exportación. Durante séculos, dende a época colonial, a superficie cultivable da illa Dominica dedicouse a plantacións de plátanos, cítricos e azucre; sen embargo, o perfil da súa economía mudou nos últimos anos do s XX, cando o turismo comezou o seu desenvolvemento. Aínda así, o sector agropecuario emprega ao 31% da poboación ocupada e achega o 20% do PNB (1997). O turismo contribúe a elevar o PNB do sector servicios ata o 63%, grazas aos máis de 60.000 visitantes que acoden anualmente a gozar dos seus atractivos naturais, as praias e a selva, que constitúen o núcleo da súa oferta. En total, o sector terciario ocupa ao 49% dos traballadores, gracias, en boa medida, ao desenvolvemento do sector financeiro, arraigado na illa para aproveitar a súa condición de paraíso fiscal. A industria limítase a pequenas factorías de elaboración e transformación de alimentos, e acolle o 20% dos ocupados e proporciona o 17% do PNB. A abundante pluviosidade permitiu a construción dun encoro que abastece de enerxía eléctrica a toda a illa. O PIB por habitante era en 1998 de 5.102 $; no mesmo ano tiña unha débeda externa de 109 millóns $ USA. A moeda é o dólar do Caribe Oriental.
Comercio exterior
O comercio exterior é claramente deficitario: o valor total das exportacións en 1997 acadou os 98,1 millóns $ USA, mentres que o valor das importacións chegou aos 136 millóns $ USA. Entre as súas exportacións destacan os cultivos tropicais (bananas, cítricos, etc). O escaso desenvolvemento da industria nacional provoca que deba importar maquinaria, produtos químicos e alimentos para satisfacer as súas necesidades. Os principais clientes e provedores son os EE UU, Reino Unido e Canadá.
Transporte e comunicacións
A rede de estradas de Dominica debe adaptarse ás características volcánicas do seu relevo, que impiden conectar totalmente as súas principais cidades polo perímetro litoral. Poucas son as estradas que percorren o interior, montañoso e deshabitado, pero entre elas destaca a que conecta a capital e principal porto marítimo, Roseau, con Marigot e Portsmouth, así como co principal aeroporto, Melville Hall, situado entre esas dúas cidades. En total, a rede de estradas suma 780 km.
Xeografía humana
Dominica é unha illa densamente poboada, con 95 h/km2 (1999), malia que só posúe un 41% de poboación urbana. Os principais núcleos de poboación (á parte da capital Roseau, que supera os 15.000 h) son pequenas vilas de arredor de 3.000 h, como Portsmouth e Marigot, nas beiras NO e NL da illa, respectivamente. O crecemento anual no período 1993-1998 foi baixo, dun 1,2% e correspondeu practicamente co incremento natural, do 11,4‰, resultado dunha natalidade elevada (19,1‰) e unha mortalidade reducida, por mor da mocidade da súa poboación (7,7‰). A taxa de mortalidade infantil en 1996 foi do 9,6‰. A esperanza de vida ao nacer é de 75 anos para os homes e 80 para as mulleres (1999).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Etnicamente, a historia colonial deixou unha pegada importante, pois o 89% da poboación é de orixe africana, descendente dos escravos levados alí para traballar nas plantacións. Os mestizos representan o 7% e os amerindios o 1,5%. En canto á adscrición relixiosa, predominan os cristiáns: católicos cun 70% e protestantes cun 17%. A lingua oficial é o inglés, pero tamén se fala un crioulo do francés, patwa ou patois, e un dialecto do inglés, o cocoy, dos descendentes dos colonizadores de Antiga.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Dominica entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 53º posto cun índice do 0,776). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 76 anos, o índice de alfabetización de adultos é do 94% da poboación;o índice bruto de escolaridade é do 74%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 5.102 $ USA.
Goberno e política
Dominica é unha república parlamentaria independente no ámbito da Commonwealth desde o 3 de novembro de 1978. O poder executivo correspóndelle ao presidente, elixido para un período de cinco anos. O poder lexislativo represéntao un parlamento unicameral, integrado por 30 membros, 9 nomeados directamente polo presidente e 21 elixidos por sufraxio universal. O sistema xudicial, compartido coas demais illas do Caribe oriental, está integrado por un Tribunal de Apelacións e un Alto Tribunal con sede en Santa Lucía. Un dos seis membros deste tribunal ten a obriga de residir en Dominica e presidir o Tribunal de Xurisdición Sumaria. O seu sistema legal baséase no dereito británico (Common Law). Está en vigor a pena de morte. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención Americana sobre os Dereitos Humanos (1969). Os partidos políticos máis importantes son o Dominica Labor Party (DLP, Partido Laborista) liderado por Pierre Charles, o Dominica Freedom Party (DFP, Partido da Liberdade), dirixido por Charles Savarini, e a United Workers Party (UWP, Partido dos Traballadores Unidos), no que destaca a figura de Edison C. James. É membro asociado da UE e forma parte destes organismos internacionais: Organización dos Estados Americanos (OAS), Mercado Común do Caribe (CARICOM), Commonwealth, ONU.
Historia

As colonizacións europeas
Poboada orixinariamente por indíxenas arawak, no s XIV os indios caribes invadiron a illa e exterminaron os anteriores poboadores. Cristovo Colón tomou posesión da illa en nome da Coroa de Castela o 3 de novembro de 1493, pero os caribes resistíronse aos intentos colonizadores, o que supuxo que os españois desistisen nos seus esforzos. A illa foi ocupada polos ingleses en 1627 pero pasou a mans dos franceses no 1635, que se enfrontaron a novas invasións dos caribes durante o s XVII. As disputas pola súa posesión continuaron durante o s XVIII e diversas expedicións de franceses e ingleses dedicáronse a cortar os bosques da illa. Os franceses fixéronse co seu dominio dende as posesións da Martinica e Guadalupe, e logo do establecemento de colonias introduciron novos cultivos de café e algodón; a man de obra requirida para o desenvolvemento destas novas plantacións veu de África, de onde chegaron grupos de homes e mulleres para traballar como escravos. Polo Tratado de París (1763), os ingleses conseguiron a posesión da illa e estableceron unha asemblea lexislativa que representaba só a poboación de orixe europea. No transcurso da Guerra de Independencia dos Estados Unidos (1778-1783) invadírona os franceses, que a ocuparon provisionalmente ata que lles foi restituída aos británicos, que mantiveron a súa posesión a pesar dos novos intentos franceses de invasión, xa na época napoleónica (1795 e 1805). Trala abolición da escravitude (1838), Dominica converteuse na única colonia británica do Caribe dotada dunha asemblea lexislativa controlada pola poboación de orixe africana. Non obstante , as diferencias de intereses coa minoría de plantadores de orixe europea orixinou tensións e a poboación de orixe africana perdeu paulatinamente o seu poder fronte aos colonos. En 1871 pasou a formar parte da federación das Illas de Leeward ou de Sotavento, xunto con Barbuda, as Illas Virxes e Montserrat, dentro do Imperio Británico. Vinculada dende 1940 ás illas de Barlovento, integrouse xunto coas Antillas Menores na Federación das Indias Occidentais Británicas en 1959. O proxecto de federación frustrouse e nas eleccións para o Consello Lexislativo celebradas en xaneiro de 1961, o Partido do Pobo Unido de Dominica, que tiña o poder, foi derrotado polo Dominica Labor Party (DLP, Partido Laborista), e Edward LeBlanc converteuse no novo primeiro ministro da illa. A illa acadou a autonomía en 1967 e, segundo a Constitución promulgada nese ano, estableceuse unha libre asociación dos Estados Asociados das Antillas Occidentais co Reino Unido que se reservou certas responsabilidades. Edward LeBlanc retirouse da política en xullo de 1974 e foi substituído como primeiro ministro e xefe do DLP por Patrick R. John, que acadou unha nova vitoria nas eleccións á Cámara da Asemblea en marzo de 1975. A partir dese ano o primeiro ministro laborista Patrick R. John dirixiu as negociacións para acadar a independencia do Reino Unido, que conseguiu o 3 de novembro de 1978.
Os gobernos da Dominica independente
A difícil situación económica do país despois da independencia orixinou un importante movemento migratorio que, acompañado dun endurecemento da oposición política fronte ás restricións nas liberdades sindicais e de prensa, culminou nunha folga xeral que conseguiu a renuncia de Patrick R. John e a súa substitución por Olivier Seraphine, do Partido Democrático Laborista (DEMLAB). Nas eleccións de xullo de 1980 saíu elixida primeira ministra María Eugenia Charles, do Dominica Freedom Party (DFP, Partido da Liberdade de Dominica), que emprendeu unha campaña contra o tráfico de drogas, mentres medraba a tensión política. Charles tivo que afrontar dúas tentativas golpistas. O ex-presidente Patrick R. John foi detido en 1981 baixo a acusación de participar nun deses intentos. Dende a súa liberación, en 1982, traballou na creación dunha coalición política de esquerdas na que se integrou Olivier Seraphine co seu grupo en 1985. O DFP, dirixido por María Eugenia Charles, acadou novas vitorias nas eleccións de 1985 e 1990, e conseguiu unha certa recuperación económica malia a crise no prezo dos produtos agrícolas de exportación, fundamentalmente da banana. Nas eleccións de xuño de 1995, o United Workers Party (UWP, Partido dos Traballadores Unidos) saíu vencedor e Edison C. James converteuse no novo primeiro ministro. Emprendeu unha política de privatización das empresas estatais acompañada de investimentos en infraestruturas. Nas eleccións de outubro de 1998 foi elixido primeiro ministro Roosevelt Douglas, que morreu repentinamente o 1 de outubro do 2000. Sucedeuno Pierre Charles.