Don Juan Tenorio
Obra dramática estreada por José Zorrilla o 28 de marzo de 1844. Considérase a peza máis representativa do teatro romántico español. É unha recreación do mito de don Xoán, arquetipo do sedutor temerario e inconstante. Divídese en dúas partes, a primeira adapta o esquema das comedias de capa e espada coa historia do libertino, mentres que a segunda se centra nos principios do drama relixioso, que culmina coa salvación do pecador. A acción concéntrase en dúas noites, separadas por un intervalo temporal de cinco anos. A primeira parte presenta un protagonista ousado coas mulleres e valente cos homes, precedido por un longo historial de duelos e pelexas. A aparición de don Luis Mejía, o seu antagonista, é un elemento central da trama. Entre eles establécese unha rivalidade que se resolve na enumeración dos mortos e conquistas respectivas ante os partidarios de cada un, seguida dunha dobre aposta: a sedución de dona Ana, a prometida de don Luis, e de dona Inés, a de don Juan. No espazo de poucas horas, don Juan burla a primeira e rapta a segunda en desagravio pola cancelación da voda acordada, unha vez que os pais de ambas coñecen a súa vida criminal. A acción culmina coa morte do seu opoñente, don Luis, e de don Gonzalo, pai de dona Inés, que o perseguira para vingar a honra da súa filla. A segunda parte ambiéntase nun cemiterio. Don Juan, que acaba de chegar do estranxeiro, descobre a morte de dona Inés anos atrás, consumida pola pena. Dubidando entre a realidade e a alucinación, presenza os seus funerais e vese rodeado polas pantasmas de don Gonzalo e de dona Inés, que purga o pecado de amar o asasino do seu pai. A salvación de dona Inés depende do arrepentimento de don Juan, xa que ofreceu a súa alma pura a cambio da impura do seu amado. O protagonista sucumbe ao poder do amor e renega da súa vida pasada. A peza remata coa ascensión dos dous amantes ao ceo, convertidos en anxos. O estilo caracterízase polas frecuentes repeticións de versos, palabras e expresións, que tentan emular a simplicidade da arte popular. A sonoridade dos versos, os lugares comúns e o coloquialismo aseguran a súa accesibilidade ao gran público, á vez que se combinan con abundantes arcaísmos para emular o pasado no que se ambienta a acción. Hai que sinalar tamén a importancia das didascalias, que indican múltiples efectos de tramoia, imitación das comedias de maxia do Século de Ouro e se empregan para recrear a experiencia sobrenatural de don Juan. A súa representación o 1 de novembro, día de defuntos, converteuse nunha tradición que se mantén aínda hoxe.