Don Quijote
Publicación bilingüe editada en Ponteareas a partir do 30 de abril de 1921 e que cesou o 31 de agosto de 1925. Subtitulouse “Quincenario de la guasa. No pertenece al trust”, “Quincenario satírico”, “Quincenario conservador” e “Quincenario político”. Contou coas seccións “Menudencias”, “Nuestras dulcineas”, “Quixotescas”, “Xeringazos” e “Paliques”, entre outras. Tivo unha interrupción de dous anos, dende xullo de 1922 ata xullo de 1924; nesta segunda época incluíu unha nova sección titulada “Página femenina”. Dirixiuna Prudencio Medal. No terreo literario, publicou contos e poemas satíricos asinados por Vidales Tomé, contos en galego de Roxelio Rivero e Manuel Lugrís Freire, quen asinaba co pseudónimo de Asieumedre, Labarta Pose, Xosé Fernández López, Fernández Otero, e ademais cos asinados cos alcumes Xan de Pilonia, Xan d’Outeiro, Xan da Crus, Somorrostro, Farruco, Alrivraros e San Benito. Reproducíronse tamén poesías de Rosalía de Castro, Xavier Prado, B. Pesqueira e do propio Lugrís Freire.