Dónega Rozas, Marino

Dónega Rozas, Marino

Avogado e político. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e cursou estudios na facultade de Filosofía e Letras. Exerceu como avogado na Coruña. Militante nas filas do galeguismo dende a súa mocidade, presidiu a Mocedade Galeguista da Coruña (1936) e interveu na campaña do plebiscito ao Estatuto de Autonomía. Foi un dos socios fundadores da Editorial Galaxia e vicepresidente do seu consello de administración, e pertenceu ao consello de redacción da revista Grial. Asistiu ao Encuentro de Nacionalidades Europeas sin Estado (Bilbao-Guernika, 1977) e asinou o Documento dos 29. En 1978 foi nomeado conselleiro de Cultura da Xunta preautonómica a proposta dos senadores independentes e por designación real. Colaborador de La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Ser, Guieiro, Resol, Grial e La Tarde, publicou A memoria e os amigos (1994) e Luís Seoane: vida e obra literaria (1994). Membro numerario da Real Academia Galega, exerceu os cargos de secretario e tesoureiro e, posteriormente, foi nomeado secretario perpetuo. Pertenceu aos padroados do Instituto da Lingua Galega, do Museo Emilia Pardo Bazán, da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Penzol, e foi secretario do padroado do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, vogal do Consello Galego da Cultura e membro de honra da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Huelva

  • Deceso

    Lugar : A Coruña