Donne, John

Donne, John

Poeta. De familia católica, educouse en Oxford e Cambridge, e estudiou leis no Lincoln’s Inn. En 1596 e 1597 embarcou en dúas expedicións, contra os españois, para Cádiz e Os Açores, respectivamente. Fundador da escola metafísica, converteuse á doutrina anglicana en 1598 e acadou o posto de secretario de sir Thomas Egerton. En 1601 foi elixido membro do Parlamento e casou en segredo con Anne Moore, sobriña de Egerton, feito polo que o destituíron e encarceraron. Nos anos seguintes, coa carreira arruinada, desempeñou diversos cargos menores coa axuda de amigos e protectores. En 1615 ordenouse sacerdote anglicano e doutorouse en Teoloxía pola Universidade de Cambridge. En 1616 foi nomeado catedrático de Teoloxía no Lincoln’s Inn e en 1621 deán da catedral de St. Paul. Na súa época destacou como predicador de sermóns, pero desde o s XIX valorouse sobre todo a súa poesía amorosa, na que explora as distintas facetas do amor por medio dunha linguaxe moi elaborada, construída a partir de imaxes plurisignificativas encadeadas, que incorpora pensamentos apaixonados, xogos intelectuais ou paradoxos como reacción contra as convencións do petrarquismo. Escribiu sátiras, elexías, algúns epigramas, cartas en verso e textos en prosa. Nos Holy Sonnets, os seus primeiros poemas relixiosos, o tema predominante é a morte. En 1623 escribiu Devotions (Devocións). A maior parte da súa obra publicouse postumamente e o volume Songs and Sonnets (Cancións e sonetos, 1633) recolleu o máis destacado da súa produción amorosa.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Londres

  • Deceso