Dono
Nome e apelido galego que remite ao latín domĭnu. Foi moi común entre os cristiáns pola súa proximidade ao termo “Deus”. Nun primeiro momento engadiuse aos nomes persoais e, máis tarde, pasou a funcionar de forma autónoma como prenome e apelido. Como prenome documéntase no s X: “Domino” (doc ano 909 en Manuel Lucas Álvarez, El tumbo de san Julián de Samos (siglos VIII-XII), 1986, p 431), “Donno” (doc ano 934 en J. Mª Andrade Cernadas, O tombo de Celanova, 1995, p 317) e “Donna” (doc ano 1026 en J. Mª Andrade Cernadas, O tombo de Celanova, 1995, p 647). O seu emprego como alcume vese en denominacións como: “Solino cognomento Donno” (doc ano 1031 en J. Mª Andrade Cernadas, O tombo de Celanova, 1995, p 211). Como apelido documéntase no s XIII: “Marina Dona” (doc ano 1219 en P. Loscertales, Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, vol II, 1976, p 447).