Donostia

Donostia
Nome científico: [nome cooficial cast: San Sebastián]

Capital do territorio de Gipuzkoa, na Comunidad Autónoma del País Vasco, á beira do Mar Cantábrico (176.908 h 1996).
Xeografía
O núcleo orixinal da cidade foi o porto situado sobre o istmo, ao pé do monte Urgull, no extremo oriental da baía de La Concha. A posterior expansión urbana levouna no s XIX ata a canle do río Urumea, que traspasou na segunda metade do s XX. En 1854 converteuse en sede das delegacións gobernamentais no territorio de Gipuzkoa, asimilado ao réxime xeral de administración provincial. A función administrativa e, sobre todo, a orientación cara a actividades turísticas, dinamizaron a cidade. A inauguración do casino en 1882 e as estadías de verán da familia real no Palacio de Miramar convertérona nun dos principais centros estivais da Península. O peche do Gran Casino pola prohibición do xogo en 1924 supuxo unha paréntese para o turismo, que se recuperou trala Guerra Civil. Nas décadas posteriores á guerra, desencadeouse un forte proceso de expansión urbana posibilitado polo desenvolvemento industrial e a consolidación turística. Os barrios de Altza, Amara, Gros e Egia recibiron unha importante cantidade de inmigrantes. Nesa conxuntura, os investimentos inmobiliarios convertéronse en operacións moi rendibles, pois a demanda elevou o valor dos locais e vivendas de xeito que a finais do s XX e principios do XXI Donostia figuraba como unha das cidades cos prezos do solo máis caros de España. Na recuperación do esplendor turístico de Donostia influíron a gran reputación da súa gastronomía e unha axeitada política urbanística.
Historia
Coñecida co nome de Izurun na Alta Idade Media, no 1014 Sancho III o Vello cedeulla ao mosteiro de Leyre. Ao redor de 1180, Sancho VI de Navarra outorgoulle foro co fin de crear un porto para substituír ao de Baiona como principal vía de comercio e de exportación da la de Navarra e Aragón. Moitos dos novos poboadores foron burgueses procedentes de Baiona que continuaron as súas actividades. A partir de 1200 os nobres guipuscoanos renderon vasalaxe aos monarcas casteláns, que xuraron os foros e concederon privilexios nos seus territorios aos comerciantes donostiarras que mantiveron tamén o tráfico navarro. Coa incorporación do señorío de Gipuzkoa á coroa de Castela, a vila adoptou o nome de San Sebastián, posteriormente traducido ao éuscaro como Donostia (Done Bastian). Defendeu, fronte ao resto do territorio, a Pedro I o Cruel no seu enfrontamento con Enrique de Trastámara. A vitoria de Enrique de Trastámara (1369) iniciou a Guerra de Bandos en Gipuzkoa que, xunto coa aproximación de Navarra á órbita francesa, lle restou actividade comercial e orixinou un período de decadencia na segunda metade do s XIV. Dende o último cuarto do s XV ata o XIX, o seu porto foi base da escuadra do Cantábrico. Baixo o reinado dos Austrias sufriu diversos sitios e unha deterioración da súa economía. Conquistada polos franceses, estivo no seu poder entre 1719 e 1721. Á recuperación económica contribuíron a fundación da Compañía Guipuzcoana de Caracas (1728) e o establecemento do libre comercio con América (1788). Durante a guerra contra a Convención Francesa foi ocupada o 4 de agosto de 1794, sufriu a invasión das tropas napoleónicas en 1808 e foi bombardeada e sitiada polas forzas anglo-portuguesas ata que cesou a resistencia o 31 de agosto de 1813. A división do reino en provincias (1822), estableceu a capitalidade de Gipuzkoa na cidade, pero coa derrogación da Constitución (1823) trasladouse a Tolosa. En 1854 converteuse definitivamente na capital provincial. Co derrubamento das murallas en 1863 iniciouse a construción da nova cidade. A comezos do s XX experimentou un notable incremento demográfico pola industrialización e consolidación da banca, xunto cun significativo desenvolvemento turístico, vinculado á presenza estival do monarca e da corte dende o reinado de Isabel II. A prohibición do xogo durante a Ditadura de Primo de Rivera (1925) e a proclamación da Segunda República (1931), supuxeron a súa decadencia como centro estival. En 1930 reuníronse na cidade os líderes dos partidos republicanos para deseñar a estratexia que derrocou a monarquía e trouxo a república. Tralo estalido da Guerra Civil, o 13 de setembro de 1936 os sublevados fixéronse co control da cidade. Rematada a guerra, recuperou parte do seu antigo esplendor. O Palacio de Aiete, ofrecido pola corporación municipal a F. Franco, foi unha das súas residencias de verán na que se celebraron algunhas sesións do Consello de Ministros (1940-1975).
Patrimonio cultural
A igrexa gótica de San Vicente (s XVI) considérase o edificio más antigo da cidade; a igrexa churrigueresca de Santa María (1750) acolle a imaxe da Virgen del Coro, patroa da cidade; e a catedral neogótica de El Buen Pastor construíuse entre 1880 e 1897. O concello ocupa dende 1947 o edificio do antigo casino, construído en 1882 por Morales de los Ríos. O Palacio de Aiete, promovido polos duques de Bailén en 1878, é dende 1985 sala de actos municipal. O Palacio Real de Miramar, inaugurado en 1893, acolle cursos internacionais de verán. O Club Náutico (1929-1930) é un dos edificios máis representativos da arquitectura racionalista española. No monte Urgull están situados o castelo de Santa Cruz de la Mota e a capela do Sagrado Corazón, e no monte Igueldo a igrexa de San Pedro. Entre as dotacións culturais cómpre salientar o Teatro Victoria Eugenia; o Kursaal, palacio de congresos e exposicións, deseñado por Rafael Moneo; o San Telmo Museoa, no antigo convento dominicano do s XVI; o Untzi Museoa-Museo Naval (1991) situado na antiga casa da torre do Consulado; e o Aquarium, inaugurado en 1928 e renovado e ampliado nos anos noventa. Dende 1953 celébrase o Festival Internacional de Cine e dende 1966 o Festival de Jazz. No patrimonio natural destacan as praias de La Concha, Ondarreta e Zurriola, os montes Urgull, Igueldo e Ulía, os xardíns de Alderdi Eder e o parque de Santa Cristina.