Donostia-San Sebastián, Festival Internacional de Cine de
Festival cinematográfico anual que se celebra na cidade de Donostia desde 1953. A súa organización está a cargo dunha sociedade integrada a partes iguais polo Eusko Jaurlaritza (Gobierno Vasco) a Gipuzkoako Foru Aldundia (Diputación Foral de Guipúzcoa), o Donostiako Udala (Ayuntamiento de San Sebastián), e o Ministerio de Educación e Cultura, e preside esta sociedade o alcalde de Donostia-San Sebastián. Ata mediados da década dos 50 non se consolidou como festival de categoría internacional. Moitas son as categorías que se premian, aínda que destacan os premios da Concha de Oro, Concha de Plata, Premio Donostia e Premio de la Crítica Internacional. Ao longo dos anos premiáronse coa Concha de Oro e coa Concha de Plata distintas producións, entre as que cómpre salientar Vertigo (1958), de Alfred Hitchcock; One-Eyed Jacks (1961), de Marlon Brando; America, America (1964), de Elia Kazan; The Rain People (1969), de Francis Ford Coppola; Paper Moon (1973), de Peter Bogdanovich; Mekhanicheskogo pianino (1977), de Nikita Mijalkov; Alien (1979), de Ridley Scott; Rumble Fish (1984), de Francis Ford Coppola; La mitad del cielo (1986), de Manuel Gutiérrez Aragón; Alas de mariposa (1991), de Juanma Bajo Ulloa; Días contados (1994), de Inmanol Uribe; Rien ne va plus (1997), de Claude Chabrol; ou Taxi para tres (2001), de Orlando Lübbert. Foron premiados nas súas edicións numerosos actores e actrices de prestixio internacional, como Francisco Rabal (1953), James Stewart (1958), Audrey Hepburn (1959), Joanne Woodward (1960), Anne Bancroft (1962), Jack Lemmon (1963), Ava Gardner (1964), Marcello Mastroiani (1965), Sidney Poitier (1968), Vittorio Gasman (1971), Sophia Loren (1974), Martin Sheen (1974), Al Pacino (1975), Victoria Abril (1987), Imanol Arias (1987), Juan Echanove (1993), Javier Bardem (1994), Nicholas Cage (1995), Federico Luppi (1997), Carmen Maura (2000) ou Pilar López de Ayala (2001). O Premio Donostia a toda unha traxectoria cinematográfica, instituído en 1986, premiou numerosas figuras no mundo do cine, como Glenn Ford (1987), Bette Davis (1989), Anthony Perkins (1991), Lauren Bacall (1992), Robert Mitchum (1993), Lana Turner (1994), Susan Sarandon (1995), Catherine Deneuve (1995), Al Pacino (1996), Michael Douglas (1997), Jeremy Irons (1997), Jeanne Moreau (1997), Anthony Hopkins (1998), Angelica Houston (1999), Michael Caine (2000), Robert De Niro (2000), Julie Andrews (2001), Warren Beaty (2001) ou Francisco Rabal (2001).