Doppler, efecto

Doppler, efecto
[FÍS]

Diferencia entre a lonxitude de onda emitida e a lonxitude de onda percibida polo observador, causada polo movemento relativo entre fonte e observador, dada unha fonte que emite unha onda (sonora, electromagnética ou doutro tipo). Descubriuno J. C. Doppler en 1842 e, de forma independente, A. H. L. Fizeau en 1848, polo que tamén se coñece como efecto Doppler-Fizeau. No caso do son, o efecto tradúcese no aumento do ton cara aos agudos ao aproximarse a fonte ao observador, e na diminución cara aos graves ao afastarse. No caso da luz, o movemento de aproximación entre a fonte luminosa e o receptor produce un desprazamento das raias do espectro cara ao violeta, mentres que un afastamento da fonte provoca un desprazamento cara ao vermello. A escala atómica, o efecto Doppler é a causa do ensanchamento das raias espectrais, coñecido como ensanchamento Doppler, orixinado pola axitación térmica. Emprégase en astronomía no estudo dos movementos das estrelas e en diagnose médica para avaliar a velocidade de desprazamento dun tecido ou dun fluído corporal.