Dordrecht
Dordrecht
Cidade de Holanda Meridional, nos Países Baixos, na marxe dereita da canle de Merwede (117.258 h [1997]). É un importante centro comercial con porto fluvial. As principais industrias pertencen aos sectores metalúrxico, naval e químico. Fundada en 1008 por Dirk III, en 1200 conferíuselle o título de cidade e converteuse na residencia dos condes de Holanda. Durante a Baixa Idade Media alcanzou unha grande importancia comercial por mor dos privilexios outorgados polo conde. No ano 1572 os estados reunidos na cidade declararon a independencia das sete Provincias Unidas, e entre 1618 e 1619 reuniuse un sínodo reformado que estableceu as bases da Igrexa holandesa. Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas medievais.