Dorna
Revista de poesía publicada en Santiago de Compostela a partir do 1 de maio de 1981. Cunha periodicidade irregular, o seu primeiro número editouno a Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa; posteriormente, pasou a ser responsabilidade da cátedra de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e subtitulouse “Expresión poética galega”. Coordinada por Luís González Tosar, contaba cun comité de redacción formado por Henrique Monteagudo, Xesús Otero, Ramiro Fonte, Miguel Bugallo, Eusebio Lorenzo, Xosé A. López Dobao, Xosé M. Salgado, Xosé B. Arias Freixedo e Dolores Vilavedra. A partir de 1995, despois de tres anos sen saír, iniciouse unha nova etapa dirixida por Ramón Lorenzo. No seu consello de redacción figuraban Henrique Monteagudo, Dolores Vilavedra, Xosé M. Salgado, Iris Cochón, Mª Xesús Nogueira e Rosa Martín. Contou coas seccións: “Caderno de crítica literaria”, “Voces de fóra” e “A solaina das letras”. Dedicada integramente á literatura, incluíronse colaboracións poéticas de entre outros Alexandre Cribeiro, X. L. Franco Grande, S. García-Bodaño, Manuel María, Uxío Novoneyra, Vicente Araguas, Manuel Forcadela, Anxo Quintela e Vítor Vaqueiro. Tamén apareceron textos de Xela Arias, Camino Noia, Úrsula Heinze, María Mariño, Olga Novo, Ana Romaní, Xohana Torres, Xavier Alcalá, Ánxel Fole, Camilo Franco, X. Neira Vilas e Antón Risco. No que se refire a ensaio e crítica literaria, figuran X. Alonso Montero, Pere Gimferrer, Carlos Casares, Jean Dejeux, Modesto Hermida, Basilio Losada e Anxo Tarrío. Dedicáronse diversos números a homenaxear a Rafael Dieste, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, C. Emilio Ferreiro, Manuel Lueiro e outros escritores. Á parte, analizouse a obra de Curros Enríquez, Méndez Ferrín, Alfredo Conde, Florentino Cuevillas e Carballo Calero. Cómpre salientar tamén a crítica da obra de E. Jorge Botelho, Eugénio de Andrade, Xavier Lloveras, Julien Gracq, Cesare Pavese, Rilke, H. Rosenthal ou Lawrence Ferlinghetti. Así mesmo, inseriuse a obra de artistas plásticos como Laxeiro, Quessada, Díaz Pardo, Maside, Colmeiro, Huete, Siro López, e de fotógrafos como Manuel Sendón, Xulio Gil e Pepe Galovart.