Dornelas, San Martiño de
Igrexa parroquial situada en Silleda. Foi unha doazón de Urraca á catedral de Santiago de Compostela. De estilo románico, a súa decoración permitiu datala ao redor de 1171 por unha inscrición do testeiro da nave. Ten unha soa nave e ábsida semicircular. A ábsida está abovedada e reforzada por un arco faixón de medio punto sobre columnas. O arco triunfal é dobrado e ten a mesma directriz ca o faixón, apóiase nun par de columnas entregadas, con capiteis de follas planas e volutas no extremo, aínda que no setentrional aparece unha cabeza e as patas dun ser monstruoso. No exterior, a capela compartiméntase en cinco panos por medio de catro columnas entregadas, a setentrional tapada por unha sancristía moderna. Os capiteis que as coroan son vexetais, de dúas ordes de follas e algún con figuras, aínda que a súa deterioración impide precisar o seu tema. No lenzo central, ábrese unha ventá de medio punto sobre dúas columnas, con chambrana de tres filas de escaques. A portada occidental flanquéana dous arcos cegos semicirculares. A porta é abucinada, con dúas arquivoltas sostidas por outros tantos pares de columnas acobadadas con bases áticas e capiteis de follas picudas rematadas en volutas, agás un que presenta figuración moi deteriorada. O tímpano é liso e sostéñeno mochetas cóncavas. A portada norte está formada por un arco semicircular e chambrana axadrezada, coma na porta do poñente. Apóiase en dúas columnas de bases áticas e capiteis de follas grandes e picudas. Os beirís están sostidos con canzorros de proa e no testeiro da nave aparece un Agnus Dei cunha cruz moderna enriba. A espadana de dous vans é de época posterior.